Identificación de dous personaxes de senllos cadros da Casa de Álvaro Goyanes Crespo

daniel gonzález alén LALÍN

LALÍN

DANIEL GONZÁLEZ ALÉN

As pinturas merecen a conservación e exposición aparte do seu valor artístico

27 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Por parte do Secretario Xeral do Concello de Lalín, César López Arribas, foinos solicitada recentemente a identificación de dous personaxes que aparecen en senllos cadros que figuran no “Inventario de Bens da casa de Álvaro Goyanes Crespo”, realizado pola Concellería de Cultura e Turismo, coas siglas ICDA-26 e ICDA-27.

Coa axuda de Álvaro Moure Goyanes, neto do referido Álvaro Goyanes Crespo, un dos últimos moradores da casa agora propiedade municipal, puidemos saber que o personaxe que figura no primeiro dos cadros e Jovita Goyanes Losada, pai do mencionado Álvaro Goyanes Crespo e o do segundo José González Valiñas, sogro de Álvaro Goyanes Crespo e por tanto pai da súa esposa Adela González Goyanes.

Detalles

Tratase de dous cadros de madeira a xogo, con marco rectangular, de uns 80 x 70 centímetros, pintado con verniz dourado, e cun espazo oval central no que aparece en cada seu unha fotografía en branco e negro e decoración floral nas catro esquinas. En ambos cadros, vense con nitidez senllas fotos de varóns con barba e bigote e indumentaria propia de finais do século XIX ou primeiros do XX, anos nos que coidamos se fixeron ambas fotos.

O personaxe que figura no primeiro dos cadros ICDA-26 é como xa se indicou Jovita Goyanes Losada, pai do fundador e primeiro propietario da casa Álvaro Goyanes Crespo. De Jovita, sabemos que era fillo de José Goyanes e Luísa Losada Ulloa Somoza y Enríquez, veciños do Carballiño (Ourense). Estableceuse coma boticario na pequena vila de Lalín a mediados do século XIX e participou na política municipal de entón, sendo alcalde de Lalín entre 1863 e 1867 e despois deputado provincial e presidente do Partido Democrático en Lalín no ano 1881, cando nese ano se celebra o “Banquete Democrático” en Lalín, no que tras un brinde pronunciou un discurso pedindo que tódolos demócratas se agruparan para constituír un grupo no distrito de Lalín, ao que seguiron outros oradores entre eles José González Valiñas o personaxe que aparece no outro cadro da casa de Álvaro Goyanes. Jovita, figura coma socio do Circulo de Recreo- Casino de Lalín, dende 1883 ata 1915.

Casou sucesivamente con Segismunda primeiro e logo con Avelina Crespo Pampín, ao enviuvar da esposa anterior, fillas ambas do alcalde e cacique lalinense José Crespo Villar (A Xesta, 1808-Donramiro, 1881) e da súa dona Bernarda Pampín Mato, natural de Cercio (Lalín), que tiñan residencia no fermoso palacete neoclásico de Donramiro (Lalín) que chega aos nosos días. Froito do matrimonio con Segismunda, tivo dous fillos: Nuño que o tempo foi administrador de Correos en Lalín, e Álvaro Goyanes Crespo, que exerceu de avogado na súa céntrica mansión actualmente propiedade do Concello. Con Avelina, tivo por fillos a Ramiro ?notable personaxe na súa época- , Gonzalo, Samuel, Aurelio e Raquel Goyanes Crespo.

O personaxe do cadro inventariado coas siglas ICDA-27, é como xa indicou anteriormente, José González Valiñas, sogro do referido Álvaro Goyanes Crespo e por tanto pai da súa dona Adela González Goyanes, razón pola que supoñemos figuraba o cadro co seu retrato nunha das principais salas da casa. Pouco sabemos del polo de agora e mesmo os seus descendentes apenas teñen información ao respecto.

Aparece no ano 1854, formando parte do partido de político de centro Unión Liberal de Leopoldo O’Donnel, que presidía en Lalín José Crespo Villar, en cuxa fundación neste municipio figuraban tamén Antonio Taboada , Barbarroja que nun tempo foi alcalde de Lalín, Carlos Moure, José Taboada Pardiñas e José González Ramos, segundo relatou una súa Reseña Francisco Vilariño, testemuña presencial naquel tempo. Participa e mesmo intervén coma orador no chamado Banquete Democrático de Lalín, celebrado en maio de 1881, xunto ao que sería o seu consogro Jovita Goyanes, como xa se indicou anteriormente. No ano 1886 figura coma membro do Partido Democrático en Lalín e como socio do Circulo de Recreo -Casino de Lalín entre 1855 e 1886. Puido dedicarse ao comercio de ultramarinos, negocio que continuaría a súa viúva a primeiros anos do século XX, que aparece nos anuarios comerciais da época.

A familia Goyanes en Lalín

Da familia Goyanes que tivo notable presenza e raizame en Lalín da que algúns dos seus individuos acadaron relevancia e poder, logo de emparentar cos Crespo de Donramiro e despois cos Moure de Lalín e Arriba e os Campos e os Aller de Lalín, mana recentemente, así coma da súa mansión de primeiros do século XX, na rúa Principal de Lalín, adquirida polo Concello, estamos preparando un amplo informe que presentaremos aparte mais adiante, para non estender en exceso o presente informe, que só pretende cumprir co encargo de identificar aos personaxes que figuran nos cadros.

Conclusión

Coidamos que ambos cadros, unha vez identificados os personaxes Jovita Goyanes Losada e José González Valiñas, pais de Álvaro Goyanes Crespo e a súa dona Adela González Goyanes respectivamente, ben merecen a súa conservación e exposición, como indican os expertos que elaboraron o Inventario da casa, polo que cabe a súa exhibición publica no edificio unha vez rehabilitado, nas parades dalgunha estancia desta morada centenaria xunto con algúns os mobles e obxectos da época que cederon ao Concello os seus últimos moradores.

Aparte do seu valor artístico, calidade e luxoso enmarcado das fotos de acordo cos gustos da época, compre destacar a relación familiar e aínda sentimental dos personaxes retratados cos donos da casa, razón pola que os cadros deberon colgar das paredes en lugar preferente dende a súa fundación e ben podían continuar no futuro. Tamén se debe ter en conta a participación de ambos personaxes na vida política e social do municipio lalinense entre os séculos XIX e XX, mais destacada no caso de Jovita Goyanes que chegou a ocupar cargos de responsabilidade nas institucións municipais e provinciais.