O problema non eran os cartos, a seguridade era o primeiro

José Crespo

LALÍN

21 sep 2024 . Actualizado a las 21:52 h.

Hoxe custoume durmir pensando en que os nenos de Lalín non tiñan atraccións nestas festas e que para eles as Dores teñen moi pouco interese.

Onte falei con algúns veciños pola rúa e vin que moitos pais con nenos en idade de atraccións están cabreados. E eu tamén o estaría. É lóxico.

Non quero agocharme, porque os políticos temos que dar a cara nas duras e nas maduras. O goberno fixo todo o necesario para ter unhas boas festas, e fixemos unha boa programación, pero hai cuestións nas que non podemos ceder, por moi impopulares que sexan. Prefiro lamentarme hoxe de que os nenos non teñan atraccións a ter que botar as mans á cabeza se ocorre algún accidente. Eso si que non mo perdoaría, nin mo perdoariades as familias de Lalín. O que pasou en Vigo e noutros sitios non quero que pase en Lalín.

A seguridade para min e para o goberno de Lalín é o primeiro, e niso non podemos ceder baixo ningún concepto. Cando empezamos a traballar no prego das atraccións e as barracas púxose unha liña vermella coa normativa de seguridade e esa non se tocou en ningún momento nin se vai a tocar mentres eu sexa alcalde, aínda que teña que darvos explicacións un a un e todos os anos. Coa seguridade das persoas non se xoga nin se comercia.

En todas as reunións, como dixo onte o concelleiro Pepe Cuñarro, que foi o primeiro doído coa actitude pouco profesional dos feirantes, a prioridade foi a seguridade e o cumprimento da normativa e non a recadación. Mesmo a última hora, antes de que levantasen todo o que tiñan instalado en Lalín, se lle deixaba gratis o solo, a condición de que rebaixaran á metade os prezos das atraccións para que as familias tiveran que pagar moito menos. A esa última proposta dixéronme que non, xa que algúns ían de camiño para a casa e outros aínda estaban desmontando.

A verdade é que a esa hora, desde a sala onde estabamos reunidos, aínda se vían moitas atraccións sen desmontar e quero supoñer que aínda que fosen de camiño para a casa, unha vez que viñeran para as festas, non sería tanto problema dar a volta e vir a montar e o custo que terían nesa operación quedaríalles compensado de sobra pola gratuidade do terreo. Porque os cartos non eran o problema para nós e fíxenllo saber a eles persoalmente… Supoño que as liortas internas entre eles, que son coñecidas por todos, e os requirimentos técnicos que tiñamos que esixir foron moi importantes nese proceso de rexeitar a oferta.

Clausura no Porriño

Hoxe vemos como o Concello de Porriño, na xornada de onte, tivo que clausurar nas súas festas 20 atraccións, que non tiñan a documentación ao día. Aínda que hai quen di que as de Lalín tiñan toda a documentación, non o sabemos, pero a realidade é que no rexistro do Concello, tanto no electrónico como no presencial, a día de hoxe non hai presentado un só papel das atraccións que se estaban instalando en Lalín, e iso podémolo certificar.

O goberno de Lalín, como o de Porriño, non se moveu nin un milímetro no cumprimento da normativa e dos protocolos de seguridade. Aquí non quixeron montar, probablemente, polas esixencias do prego de condicións, polos seus erros de cálculo dos que ninguén lle ten culpa e ao mellor polas desavinzas entre eles e no Porriño tiveron que pechalos porque non presentaron nin o máis mínimo requisito e ocuparon un espazo que ninguén lles cedeu, En Lalín semella que querían facer algo parecido. Isto amosa ser o xeito de proceder dalgúns feirantes que, en Lalín, como en moitos outros sitios, xogaron coas ilusións dos nenos.

Non quero nin vou a entrar en polémicas cos feirantes, pero eles mesmos recoñecen que fixeron mal os cálculos, que se equivocaron cando presentaron a oferta económica porque nas negociacións con Concello, onde estiveron Pepe Cuñarro, Pablo Areán e Paz Pérez, puxéronse todas as facilidades para que se puideran asentar, exceptuando aquilo que por normativa non se podía variar, pero nas demais baixáronse os requirimentos técnicos ao mínimo encargándose o Concello do Plan de Seguridade que era unha das claves da negociación.

Xa sei que para os cativos non lles serve que o goberno fixese as cousas o mellor posible e que a prioridade fose a seguridade, xa que se quedaron sen a parte que máis lle gusta das festas. Por elo, estamos traballando para que domingo e luns, que dá bo tempo, ofrecerlles unha alternativa de ocio e desfrute das festas que anunciamos xa nas redes, os xornais e que agardamos contribúan a paliar algo a falla das atraccións.

De todo se aprende nesta vida, aínda que teñas unha fonda experiencia.