Leva dende a nenez, e ten agora 79 anos, mantendo en boas condicións as instalacións
14 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Hai axudas que se inician na mesma tenra infancia, se van mantendo co decorrer dos anos, e que finalmente acaban recaendo de cheo sobre a persoa de xeito normal e natural. Iso foi o que lle pasou a Julita García Loño co coidado dos templos de Donramiro, en Lalín. Unha tía primeiro, a súa nai despois, e ela agora, doan tempo ao mantemento das igrexas de Donramiro.
—Ou sexa que coidar da igrexa e da capela xa lle vén de vello.
—Certo. Sendo unha nena xa acompañaba a miña nai Sofía a axudarlle a arranxar a igrexa, e antes miña nai facía o mesmo cunha tía solteira que tiña, e que tamén eu acompañei en máis dunha ocasión. Vamos, que xa levo moitos anos coidando destes templos (sorrí).
—E nunca se lle pasou pola cabeza deixalo?
—Pois non. Se miña nai o puido facer con cinco fillos que tiña, e en tempos máis difíciles que os de agora, eu tamén podo. E a tía de miña nai, á que eu tamén acompañei, que non estaba ben de saúde ao igual que a miña nai, foron quenes de ocuparse do amaño das igrexas ata que puideron pois eu tamén (sorrí). Eu isto fágoo por vontade propia, ocuparme dos templos apórtame moita paz, alegría e reconfórtame. Teño saúde, encóntrome ben... e mentres poida aquí estarei.
—Un traballo que non está remunerado.
—Non. Non se cobra nada. Isto faise por devoción. Miña nai nunca cobrou nada, eu tampouco. Se me ocupo da igrexa parroquial e da capela é por vontade de facelo.
—Como se afrontan os gastos?
—Cando hai algunha cerimonia xa se encargan os interesados de mercar as flores, normalmente xa se encarga unha florería de preparar a igrexa, e polo tempo adiante poño das que teño e cultivo eu na miña casa, e se non hai pois boto man de flores artificiais. As naturais se hai que mercalas saen moi caras... Nas festas, como é o caso agora en que se está celebrando a novena á Virxe do Montserrat na capela todos os días ata o próximo martes ás 21 horas, e este domingo que se fará a procesión da santa dende a igrexa parroquial ata a capela, sempre hai colaboración da veciñanza para que os dous templos estean ben adornados. A xente colabora, aínda que agora cada vez somos menos nas misas. O certo é que non o entendo. Deus é o mesmo antes que agora... É triste ver os templos medios baleiros.
—Celebrábanse máis actos litúrxicos anos atrás?
—Claro. Cambiaron moitas cousas. Había máis sacerdotes, os veciños viñan máis ás misas e había moitas máis celebracións. Lembro que na parroquia celebrabamos o San Antonio. Era unha celebración moi concorrida ao igual que o Corpus en que había procesión, e mesmo se elaboraban unhas alfombras florais tanto dentro como fóra da igrexa, e logo está o recital dos Versos das Hijas de María. Lévase a cabo sempre o último domingo de maio, que é cando se recitan os versos. Iso aínda se mantén, pero a saída da Imaxe da Virxe xa non se fai... E mira que podemos presumir de que somos unha parroquia grande, pero os tempos cambian e afectan a todo, tamén a isto.
—Ao longo de tantos anos, haberá centos de anécdotas.
—Como en todos os traballos nos que levas moitos anos (rí). O que sempre me preocupou, e aínda me mantén alerta, e que entren nas igrexas e mira que agora teñen alarma pero... Teño moito medo de que entren e fagan mal. Procuro que todo estea no seu sitio, ben colocado, as cousas recollidas, todo o máis limpo posible... só pensar que poden romper algo xa me poño nerviosa, ao habelo feito e intentado tamén nalgunha ocasión.
«Foron varios os anos en que a choiva impediu devolver a Santa á igrexa parroquial»
Coa parroquia de Donramiro (Lalín) en pleno apoxeo das Festas da Virxe do Montserrat, que comezaron onte venres e terán continuidade ata o luns, os actos relixiosos tamén están contemplados dentro do programa deseñado polos cinco veciños da zona que integran a comisión organizadora. «O primeiro que fixa todos os anos don Marcos (cura párroco) é a novena á Virxe do Montserrat que temos todos os días ás 9 da noite ata o próximo martes, e que se celebra na capela. É unha novena á que asisten moitos veciños da parroquia, pero tamén moita xente de Lalín», explica Julita García.
Outro dos actos relixiosos que reúne todos os anos a moitos fieis en Donramiro é a procesión que se leva a cabo o domingo das festas, procesionando a Virxe dende a igrexa parroquial ata a capela onde se garda e venera ata o martes seguinte. «Este domingo haberá pois procesión, e espero que non chova para que sexa moi vistosa. Levamos á Virxe en procesión, está despois na capela ata o martes pero foron varios os anos en que a choiva impediu devolver a Santa á igrexa parroquial en tempo e forma. Lémbrome que hai dous anos choveu tanto, tanto, que nin nós dabamos baixado», recorda.
Julita anda nestas xornadas un pouco máis atarefada do habitual pola celebración dunhas festas que lle gustan especialmente por ser as da súa parroquia, aínda que cun punto de nerviosismo, por se non todo sae á perfección. «Gustame que saia todo ben, que a xente participe e saia contenta», comenta con emoción agradecendo a axuda que lle brinda seu irmán Alfonso nas tarefas de coidado dos templos.
A mágoa, di, é que non ve continuidade na liña familiar que amose interese polo coidado das igrexas como fixo súa nai, súa tía, e agora ela.