Aproinppa trae a Lalín a súa festa de exaltación do pan, aberta á sociedade

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

MARCOS MÍGUEZ

Haberá conferencias e catas do produto o 14 de maio, no auditorio da vila

25 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Co gallo de celebrar o día do patrón, San Honorato, a Asociación Provincial de Panadería e Pastelería de Pontevedra (Aproinppa), ven organizando unha festa polas diferentes comarcas da provincia e que recalará nesta ocasión o próximo 14 de maio en Lalín. Un evento con carácter rotatorio, que nesta edición, suporá algún cambio respecto de anos anteriores. «Antes era un xantar en domingo, cunha lembranza especial aos compañeiros que faltaron nese ano, pero decidimos abrir a festa á sociedade civil», apuntou o vicepresidente da asociación Santiago Rodríguez Dávila.

Unha xornada que comezará ás 10 da mañá cunha serie de conferencias nas que se falará do sector e das distintas casuísticas do mesmo, las líñas de financiamento e axudas para poñer en marcha negocios de panadería, pero tamén dos procesos de elaboración do pan e da IXP (Indicación Xeográfica Protexida) Pan Galego. A organización do acto, que corre a cargo de Aproinppa, está mantendo contactos con distintos colectivos da zona, e mesmo se tentará contar con algún centro educativo ademais dos alumnos e profesores de centros formativos das especialidades de panadería e repostería. «O pan é o primeiro alimento natural que temos e seguir potenciando o consumo do de panadería fronte a outro que está ocupando desgraciadamente unha porcentaxe importante no consumo, pero nada ten que ver co pan que facemos os artesáns panadeiros, é unha das nosas loitas», reflexionada Rodríguez.

Para que se poida valorar a calidade do pan artesán haberá catas, pero tamén unha mensaxe ao consumidor para que continúe apostando «por un produto de máxima calidade», que sae de homes e mulleres que manteñen unha profesión na que cada vez se olla menos relevo; «o valor da panadería non é o mesmo, antes estaba cotizada e hoxe non a queren os fillos. O sacrificio laboral que supón é importante. Trabállase en festivos, pontes e fins de semana, e iso require de moito sacrificio mentres que agora apóstase máis pola calidade de vida e o disfrute», apuntou Rodríguez.

A IXP Pan Galego, avanzando na súa implantación na comunidade

A posta en marcha da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan Galego, da que o vicepresidente de Aproinppa é membro do consello regulador, será outro dos temas que se tratará na xornada do próximo mes de maio. Lembrou Rodríguez que levan máis de 25 anos loitando para poñer en marcha un proceso de trazabilidade do produto, que atopou rochas no camiño, e que se está desenvolvendo máis lentamente do desexado na comunidade pola guerra de Ucraína. «Certificar e avalar que o produto que se merca reúne todos os requisitos esixidos na súa elaboración ten un valor engadido respecto a calquera outro. Iso é o que significa vender pan da IXP Pan Galego», significou.

Unha Indicación Xeográfica Protexida á que poden acceder os panadeiros artesáns que reúnan unha serie de requisitos como, por exemplo, contar cun forno refractario e seguir posteriormente todos os pasos esixidos; «hai que mercar fariña certificada do país e que se moa nos muíños que están acollidos á IXP, a sementeira e a moenda teñen que seguir os parámetros marcados ao igual que o trigo empregado que ten que ser autóctono». Un Pan Galego que polos controis ao que é sometido resulta algo máis caro ao peto, «pero quen o proba non dubida en repetir».