Manuel Pichel: «No colexio empezamos doce ou trece mestres e o director era Alfredo»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Adrián Freiría

O colexio de Vilatuxe foi presentado o 2 de maio do 72 nun acto coa Condesa de Fenosa

26 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Pichel González, nado en Alén (Anseán), foi un dos mestres que formou parte do primeiro claustro do colexio de Vilatuxe, bautizado como Vicente Arias de la Maza, que empezou a súa andaina o 2 de maio do 1972. Explica que «non parece que tivera moito senso empezar nesa data pero dixeron que era para irse adaptando ao novo sistema de colexio». Lembra que o día da inauguración «veu a inspectora, unha tal Riestra de Pontevedra; veu o alcalde de Lalín que era Licho, Luis González Taboada, e veu a Condesa de Fenosa, Carmela Arias Díaz de Rábago», filla de Arias de la Maza. Conta que «viña vestida moi de inverno, cun abrigo forte, unhas botas ata os xeonllos e un gorro á cabeza e a inspectora dixo: ‘aquí veis a Carmela, cómo viene vestida, piensa que aquí todavía es invierno' e ela respostoulle dicindo: ‘es que me vestí así porque como venía al monte...'».

«Creo que eramos doce ou trece profesores e os alumnos eran das parroquias de Vilatuxe, Barcia, Gresande, Anseán, Laro, Parada e Refoxos, Soutolongo, Casto de Abaixo e Doade e os de Zobra non viñeron porque non había estrada nin nada e aínda tardaron dous ou tres anos en vir», engade. Os cursos eran numerosos e polo comedor aínda houbo que agardar dous ou tres anos tamén. O seguinte curso Manuel Pichel foi para as Minas da Brea en Fontao, onde estivo un ano, regresando logo o centro de Vilatuxe onde exerceu ata a súa xubilación no 2006.

Conta que «o primeiro director foi Alfredo que estivo tres ou catro anos e logo foise; logo veu un de Ourense, un tal José Benito que chegou de profesor e nomeamos director, e despois alternaron Andrés e Antonio Expósito, aínda que máis tempo estivo Andrés». Foi, di, un centro «con moito movemento de profesores, sempre había interinos, provisionais...».

Manuel, explica, que «tentei participar en todas as actividades que se realizaban, non se fixo case ningunha excursión a que eu non fose». Lembra especialmente «unha a Madrid e outra a Andalucía onde xuntamos o diñeiro peseta a peseta e sufragamos os gastos traballando todo o ano. Foron cinco días a Madrid nos que visitamos o Retiro, o Museo do Prado, o Museo de Cera, o Escorial e ata fomos ao Bernabeu uns cantos a ver un partido que lles fixo moita ilusión». En Andalucía, engade, visitaron a Alhambra en Granada, Cádiz, Málaga, Jaén...». No autobús, conta, «eu collía o micro e gustábame irlle contando cousas».

En toda unha vida adicada ao ensino, son innumerables as lembranzas e as anécdotas nun centro onde se facían innumerables actividades, moitas delas «que eran gratis». A Manzaneda «fomos un compañeiro e máis eu con 40 rapaces. Facía moito frío. Na véspera eu estaba moi acatarrado pero quería ir porque non lle podía cargar o morto a un compañeiro e eran as vésperas de Nadal e o médico dixo: moi en condicións non estás, ou es moi duro e ves san ou ves cunha pneumonía». Os pronósticos cumpríronse. Pichel conta que «arrisquei e viñen cunha pneumonía. Estaba con febre con escalofríos e paseino moi mal, pero as veces ata hai que dar a saúde polos nenos», sentencia.

Medallas nas olimpiadas de Silleda e a forza de todos para ter un campo onde xogar

O deporte forma parte da historia do centro lalinense e Pichel, que deu Educación Física, relata a participación no deporte escolar que «empezamos polo curso 75, 76, máis ou menos. Primeiro facíamos unha liga cos colexios da zona, logo íamos a zona da Estrada e a final era xeralmente en Vigo e Pontevedra». Pichel relata algunha final a que chegaron e perderon por un tanto pero no que o deron todo. «Competías con moitas ganas aínda que estabamos en desventaxa porque tiñamos menos matrícula de rapaces. Eles igual tiñan 700-800 alumnos e nos cando tivemos máis tivemos 300. Tiñamos equipos de alevín, de infantil e participamos en fútbol-voleibol con nenos e baloncesto con nenas».

Das competicións destaca «as olimpíadas celebradas en Silleda alá polos anos 80 nas que participaban os colexios de Silleda, A Bandeira, Cruces e Vilatuxe con dous días competindo en varios deportes, tanto en individual como de equipo e nas que colleitamos unha grande cantidade de medallas» e el organizou o trofeo de San Lorenzo de fútbol.

As gañas suplían a falta de medios, de campo para xogar e de equipación. Pichel conta que había en Lalín un organismo que se chamaba Iryda que levaba as concentracións e un tal Salvado ofreceuse para botar unha man na procura dun campo. O primeiro paso foi atopar terreo, finalmente nun monte comunal. Era «moi pedregoso e traballallei cos rapaces como condenados todo o verán quitando as pedras e logo Xosé Cuíña que era alcalde nos puxo o recebo e as porterías e os veciños viñeron unha mañá cos quince tractores que había da parroquia e un rapaz de trece anos dalí fixo churrasco para toda a xente que foi a traballar e os rapaces e eu rastrillamos». Con moito esforzo conseguiuse un campo que se inaugurou nas festas co trofeo San Lorenzo «que xogamos contra o Pontevedra Infantil», relata.

Persoas ilustres

En canto á petición da comunidade educativa de mudar o nome de Arias de la Maza polo de colexio de Vilatuxe, Pichel lembra ilustres que deu a zona como Manuel González «un mestre que sentou cátedra nos seu tempos que era de Soutolongo»; Varela Jácome, cuxo nome leva a biblioteca de Lalín; o xornalista Iglesias de Anseán; o alcalde Ferreiro, que era de Soutolongo e que «agora seguen saíndo como o investigador Óscar Rapado, de Gresande», entre outros moitos.

Unha gran familia con alumnos moi traballadores

Manuel Pichel garda na súa memoria momentos inesquecibles como aquelas visitas á Fundación Neira Vilas nas que o escritor e a súa dona, Anisia Miranda, recibían os nenos con moito agarimo e respostaban as preguntas dos cativos. Eran tempos sen móbiles e nos que ante calquera urxencia eran os profesores os que arrincaban e levaban os rapaces ao médico. Pichel lembra a un rapaz que tiña os pais no estranxeiro e estaba cunha avoa. Atopouse mal o levou a que o vira Licho e «díxome que pensaba que podía ser un ataque de apendicites e tirei cara Pontevedra». Afortunadamente ao final foron lombrices «pero eu xa estaba disposto a quedarme alí ata que o operaran», apunta Pichel.

Eran cursos numerosos «tiven ata 60 nun sexto» e «traballabas nun silencio absoluto». Do centro, explica Pichel «saíron alumnos e alumnas moi bos en tódalas profesións, dende médicos moi destacados na súa especializade ata gandeiros de moita produción» que traballaban dobremente no colexio e na casa axudando co gando e nas leiras e que tiñan, nalgúns casos, que camiñar varios quilómetros ao día para ir a escola. Pichel, que deu galego e castelán, entre outras materias, subliña que «eramos unha gran familia» nun centro que tiña o galego por bandeira.