Cuíña denuncia un déficit na seguridade nocturna en Lalín

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

No disponible

Afirma que «son moitas as noites sen presenza de Policía Local»

13 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

As reunións das Xuntas Locais de Seguridade, como a celebrada a pasada semana en Lalín a instancia do alcalde José Crespo para analizar os roubos en garaxes e a detención dun veciño por presunto abuso sexual a dúas mozas nas piscinas municipais son un paripé, afirmou onte o portavoz do grupo municipal de Compromiso por Lalín (CxL) Rafael Cuíña en Radio Voz, na entrevista quincenal que se retomou despois da paréntese vacacional do pasado mes de agosto. «É unha foto para mostrar que se está encima do problema, e aínda que Lalín é un pobo seguro, non é menos certo que hai un déficit de seguridade nocturna ao ser moitas as noites sen presenza da Policía Local. Déronse unha serie de situacións que crearon alarma social, como o das piscinas que é un feito intolerable, e a xente está preocupada», asegurou o líder da oposición.

Por outra parte Rafael Cuíña significou tamén que se puxo en contacto co concelleiro de festas José Cuñarro a raíz da polémica xurdida cos feirantes polo asentamento das atraccións para os festexos patronais, «para decirlle que tiñan o meu modesto apoio nesta cuestión. Asegurou coñecer de preto unha situación, que a el lle tocou vivir sendo precisamente alcalde. «Fixemos un regulamento no ano 2015 que non lles gustou pero que era necesario xa que non se sabía onde iban os cartos, había moitas cousas estranas... Estaban acostumados a funcionar doutro xeito e chegaron a enfrentarse conmigo no hall do concello. Sei como funciona ese colectivo, que ten o meu respecto, pero Cuñarro ten todo o meu apoio neste asunto, e así llelo dixen». A pesar de parabenizar a actuación do goberno no conflicto que mantén con este colectivo, o líder da oposición lalinense calificou de curioso que se tomara a decisión de subirlles aos feirantes un 300 % as tarifas para o seus asentamentos durante as próximas festas de As Dores, «sabendo que había moitas opcións de que non o aceptaran e non teñan un plan B ante a previsión do que se intuía que ía pasar con eles. Alomenos eu non coñezo ese plan B, se é que existe, e dende logo que non vale traer oito ou dez inchables para as festas patronais», afirmou Cuíña.

Reunión co colectivo Roteiros para buscar axudas privadas 

Compromiso por Lalín mantivo fai uns dez días un encontro con membros da Asociación Roteiros da vila, tal como anunciara a formación política, no que se ofreceron a «axudarlle ao colectivo a buscar financiación privada para que poida continuar coas actividades que estaban funcionando moi ben». Insistiu Rafael Cuíña en que a súa formación non entende a decisión adoptada polo goberno. «Déronse unhas explicacións no pleno que non aclararon nada. A concelleira de Cultura só enumerou unha serie de acontecementos. A día de hoxe seguimos sin saber o que pasou exactamente así que non entendemos nós o sucedido pero tampouco os veciños», comentou o portavoz da formación de Compromiso por Lalín.