
O santo ten a súa propia capela ao pé do Camiño Mozárabe a Compostela
26 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A parroquia de Santiago de Catasós, unha das de maior superficie e poboación do municipio de Lalín, con catorce lugares e case cincocentos veciños, é tamén unha das que ven celebrando mais festas na nosa comarca dezá. Téñenlle festa relixiosa e profana ao patrón Santiago e a Santa Ana o 25 e 26 de xullo e a Virxe do Carme o terceiro fin de semana de maio, as tres na igrexa parroquial na que tamén se venera a Santo Estevo, San Kiriko, San Ciríaco ou Xiríz, o Corpus Chistri, Santo Antonio, San Sebastián, A Inmaculada, a Santa Lucía e o Santísimo, que en tempos tiveron aqui confradías e capelanías.
Tamén lle fan festa a Santa Mariña o 18 de xullo, na capela que a santa mártir ten en Belelle e a Santa Rita e o San Roque, na capela que a este santo milagreiro lle dedicaron en Puxallos, a que hoxe dedicamos esta reportaxe.
A do San Roque de Puxallos, foi unha romaría en tempos moi concorrida, con devotos ofrecidos e xantares campestres e agora vida a menos, manténdose grazas ao tesón dos seis veciños que viven coas súas familias neste afastado lugar de Catasós, situado na outra banda do río Asneiro, que por aquí e lindeiro entre os municipios de Lalín e Dozón.
Este ano, houbo misa e procesión no propio día do San Roque, o 16 de xullo e tamén o sábado dia 19, ambas a cargo do párroco Manuel Civeira co acompañamento do grupo de gaitas Repenicando, que a maiores amenizou a sesión vermú da segunda xornada, en que a choiva de mañá impídeo a procesión, pero non a diversión dos poucos pero divertidos romeiros, nin a verbena nocturna coa actuación de Pachi Show, como ven sendo habitual dende hai anos.
Capela do século XIX
As celebracións tiveron lugar na capela da parroquia e o seu entorno, no centro da aldea, a pé do Camiño Mozárabe de peregrinación a Compostela. A capela foi construída no actual emprazamento a mediados do século XIX, segundo reza nun letreiro que pousa nunha viga : “SE REDIFICO, SIENDO CURA, D.N. FELIPE PEREZ ESPAÑA. AÑO D 1857”. Antes antes estaba situada uns 500 metros ao NO., (Cordenadas: X-42.605687 e Y-8.087277), preto do mesmo camiño de peregrinación que vai cara a Xesta, parroquia coa que os de Puxallos mantiñan de vello un enfrontamento pola propiedade da capela e temerosos de que lla levaran decidiron trasladala aproveitando a escuridade da noite, segundo lembran os mais vellos do lugar, que sinalan no lugar unha peneda cun burato que sostiña o cruceiro sen figuras que estaba fronte a antiga capela e que tamén se levou para o novo emprazamento.
Reconstrucción
Na reconstrución da ermida, ademais dos materiais procedentes da vella, reaproveitouse unha columna con fermosos gravados, procedente dun baldaquino da veciña igrexa do Sisto, onde aínda se conserva outra facendo de varal dun cruceiro e un terceira foi parar a Asperelo en Rodeiro, tamén para un cruceiro que marca o arranque dunha pista que vai ó Faro.
Á capela de Puxallos, ten un fermoso retablo que debeu ser feito cando o traslado da capela, coroado pola figura de Deus Pai coa bola do mundo na man, e no no que se expoñen as imaxes do San Roque, a do Santo Antonio e unha mais recente de Santa Rita, desproporcionada co oco que debía ocupar outra imaxe que agora ninguén lembra cal era, nin onde vai.
A Santa Rita traída hai tres décadas polo que fora párroco de Catasós, Luís López Barredo, ten dende entón celebración con misa, procesión e xantar nas casas, en lugar do Entroido que se viña celebrando dende tempo inmemorial.
Homenaxe
Rematamos cunha merecida lembranza e xeito de homenaxe, ao veciño Daniel Fernández Reboredo, recentemente falecido, que ao retorno da emigración australiana coa súa dona filipina e demais familia, foi o un tenaz valedor e impulsor desta festa do San Roque en colaboración con Toño Fernández Puxallos, que antes e agora segue sendo o mantedor da capela e desta celebración seculares.