Esgrafiados, mostra da arte popular (II)

daniel gonzález alén LALIN

LALÍN

Daniel González Alén

Esta técnica arquitectónica decorativa deixou escasas mostras no municipio de Lalín

21 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo de dar conta nunha anterior reportaxe dos esgrafiados que localizamos no municipio de Agolada, traemos aquí agora as escasas mostras que esta técnica ornamental arquitectónica deixou no de Lalín, no que ao igual que nos concellos da comarca de Deza non abondan, en contraste con outras comarcas da Galicia central como as da Ribeira Sacra ou A Ulloa, onde proliferan, segundo teñen publicado diversos investigadores.

Nos anos finais do século XVIII, boa parte do XIX e primeiros anos do século XX, estivo de moda esta técnica para decorar e revocar os muros de todo tipo de construcións civís, relixiosas e mesmo da arquitectura popular, case sempre nos de propiedade das clases máis podentes, dos fidalgos, do clero, terratenentes e xentes de carreira, e moi raramente nas humildes construcións campesiñas.

De entre os esgrafiados que temos ollado no municipio lalinense destacan os da casa de Madriñán, en Noceda de Abaixo, que cobren boa parte das paredes desta, en tempos, morada señorial. Os esgrafiados están sobre unha parede curvada ao leste da casa e presentan formas xeométricas, as máis delas ovais, resaltando as ventás e as bufardas que ten a casa para vixiar o antigo camiño que aquí enlaza co que vai ao santuario do Corpiño, polo que ao longo do século XIX circulaban moitos facciosos e bandoleiros, que daquela atravesaban a comarca dezá saqueando e mesmo atracando e matando as persoas que se opoñían aos seus ruíns propósitos. Os Madriñán estaban emparentados cos deste apelido de Prado e Bendoiro e tamén cos García que tiñan un casal nas proximidades e extensas propiedades, nunha delas elas unha grande carballeira que arrasada cando o TAV. Da casa de Madriñán descenden os irmáns Rodríguez, ben coñecidos en Lalín por ser os fundadores nos anos 70 do pasado século do acreditado restaurante Os Arcos.

Precisamente, preto do Corpiño, na parroquia de Santa Baia de Losón, hai outra casa decimonónica no lugar de Milleiros, á beira da estrada que vai a Bodaño, coa fachada repleta de esgrafiados que xa teñen características do encintado, a nova técnica que no século XX iría substituíndo ao esgrafiado nos gustos da xente e nas súas construcións.

Tamén ten esgrafiados a coñecida casa de Piñón, en Carracedo de Soutolongo, que foi torre antigamente e conserva unha parede lateral decorada con esa técnica e tamén cunha pequena xanela para vixiar o camiño. En tempos tamén tivo esgrafiados na fachada principal, pero perdéronse pola erosión e ao ser encintada a parede a principios do século XX.

Moi interesantes son tamén os esgrafiados que se conservan nunha casa de Barciela, en Vilatuxe, con figuras xeométricas, rodeando un vello portalón sobre cuxo lintel está gravada a data de 1880, aínda que se perderon boa parte dos que enchían a fachada principal. Tamén se perderon os máis dos que tiña na súa parede norte unha casa campesiña en Castro de Abaixo de Lodeiro.

Completan os esgrafiados que temos localizado, polo de agora, neste municipio de Lalín o que se pode ver na parede dun pombal no lugar de Cruceiro de Anzo, que coidamos construído no século XIX e que hai poucos anos foi obxecto de traballos de encintado que ocultaron en boa parte os esgrafiados orixinais que debeu ter.

Continuamos á procura de ampliar este catálogo de esgrafiados en Deza e tamén de saber algo máis dos expertos albaneis que os realizaron, para o que agradecemos a axuda que nos poidan prestar cantos saiban algo ao respecto, co ánimo de localizar e ver de conservar estas mostras da arte popular.