Grazas, sempre (da familia de Montse Silva)

Daniel Santalla silva

LALÍN

15 may 2023 . Actualizado a las 16:13 h.

Cando xa pasaron uns días desde que despedimos á nosa querida Montse, desde a súa familia queremos agradecervos infinitamente o voso cariño. Moitas grazas a todos e todas, de corazón. Son incontables as persoas que estes días sentistes, xunto a nós, a tristura polo seu falecemento. Con todo o apoio recibido será máis fácil manter vivo o seu recordo, o seu espírito loitador e a súa inmensa valentía.

Sentímonos conmovidos polas mostras de afecto recibidas. Son miles as mensaxes que teriamos que enviar a todas e todos os que nos trasladaron o seu pésame. Aos veciños e veciñas da nosa pequena parroquia de Palio á que ela tanto quería e que nos acompañastes desde o primeiro minuto. A toda a cidadanía de Lalín, da comarca, de diferentes partes de Galicia e de España,... Grazas tamén aos alcaldes, cargos institucionais, organizacións empresariais e partidos políticos. Grazas ao cura Marcos polo seu agarimo e por facilitarnos tanto esta despedida.

Aos compañeiros/as de meu pai, Román, en Cobideza, na UPA e en Unións Agrarias e, por suposto, aos meus queridos amigos e amigas e aos de meu irmán Álvaro e a súa muller, Inés. Agradecemento tamén aos meus colegas dos medios de comunicación polo cariño que lle dedicaron nas súas informacións.

Non pode faltar a nosa eterna gratitude ao persoal sanitario que nestes máis de nove anos de loita contra o cancro coidou da nosa Montse. Grazas pola vosa amabilidade nos coidados que lle proporcionastes ata o final. O voso labor foi imprescindible para manter a súa vitalidade.

Montse, a nosa nai, non conseguiu gañar o pulso da vida, pero foise coa ledicia de sentirse querida. Foi unha persoa traballadora, honrada e pragmática, que sempre pensaba antes nos demais ca nela. Quédanos o seu recordo, os seus valores e, sobre todo, a súa gratitude. Por iso, GRAZAS, sempre. Sabemos que alí onde descanse a súa alma terá visto canto lle quería a súa xente.

*Daniel Santalla Silva, en nome da familia de Montse Silva