Xuntanza dos ex alumnos do Instituto Laboral de Lalín

daniel gonzález alén LALÍN

LALÍN

Daniel González Alén

Medio centenar de persoas recuperou a cita catro años despois

08 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo de catro anos sen reunirse por mor da pandemia do coronavirus, máis de medio centenar de antigos alumnos das promocións dos anos 1969 e 1970 do Instituto Laboral Ramón María Aller de Lalín, volveron xuntarse a pasada fin de semana. Unha cita para lembrar os vellos tempos de estudantes de bacharelato, na modalidade agrícola gandeira, que compartiron neste centro. Nesta ocasión tamén concorreron unhas vinte alumnas que no mesmo instituto cursaron o bacharelato, cando a partir do ano 1964 o centro pasara a ser tamén de ensino técnico na modalidade administrativa.

Ao comezo da xuntanza, que tivo lugar no restaurante Onde Antonio do parque empresarial Lalín 2000, na sesión vermú, o gaiteiro Plácido Rozas fixo soar a gaita para os para os seus vellos compañeiros ao tempo que o fogueteiro Toimil de Soutolongo, lanzaba unha ducia de bombas de palenque e algunha cuba para animar a celebración. Logo de compartir un típico cocido, no que non faltaron nin a queimada nin as sobremesas típicas do entroido, houbo un animado baile coa música do DJ Carlos O Venezolano, que tamén acompañou aos que se atreveron a cantar, rematando a festa ao solpor.

Da organización desta segunda xuntanza, á que asistiron antigos alumnos dos seis concellos dezaos que agora se atopan en diversas localidades de Galicia e mesmo noutros puntos de España, encargáronse Xosé González Arias, Xesús Fernández García e Álvaro Gutiérrez Reboredo.

Dende principios dos anos cincuenta en que fora inaugurado, o Instituto Laboral Ramón María Aller ocupou o edificio do antigo Hospitalillo na avenida de Bos Aires, que custearan os emigrantes lalinenses en América, que non chegaría a funcionar coma tal. A finais do pasado século no mesmo edificio instalouse o IES Laxeiro, mudando o IES Ramón María Aller para a zona escolar e deportiva de Pena Toares, onde continua na actualidade como instituto de educación secundaria, ESO, bacharelato e ciclo Formativo de grao medio e superior en informática.