Lalín en Danza, con máis de 200 bailaríns no primeiro encontro

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZLALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

A Asociación Adeixa promove o festival fixado no 4 de marzo

24 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Os concursos, actividades formativas e espectáculos de danza volverán a copar o interese de bailaríns e público en xeral o próximo 4 de marzo coa celebración do primeiro Encontro Lalín en Danza, que terá lugar na capital dezá. Promovido pola Asociaión Adeixa (Associaçao de Dança do Eixo Íbero Atlântico), que preside Liana Fortuna Rigón, a previsión apunta á participación de máis de 200 bailaríns con idades comprendidas entre os 4 anos, na categoría dos máis novos, ata a de adultos (desde os 16 anos). Unha xornada que converterá a Lalín na capital da danza do norte de Galicia e de Portugal, e na que o festival ofrecerá todo tipo de opcións: dende fases concursais ata clases formativas, pasando pola escenificación de diversos espectáculos. Así na xornada sabatina do 4 de marzo, nas instalacións do auditorio municipal e contando coa colaboración do Concello de Lalín, arrancará unha completa xornada na que se fará uso tamén das dependencias do pavillón; onde terá lugar o maratón de formación que comezará ás 9.30 e continuará ata as 14.00 horas, e do Lalín Arena.

A sesión competición, que busca valorar e motivar categorías de bailaríns desde os 4 anos e ata os 12, en treitos de dous anos, establecerá diversos premios de participación onde o labor é formar público de danza e conseguir que os máis pequenos, que son a grande maioría dos estudantes das escolas, ademais de competir, vaian a bailar, convivan e actúen nun evento destas características e nun entorno diferente ao que se moven habitualmente. Para a responsable da Asociación Adeixa, Liana Fortuna Rigón, Lalín preséntase como un concello ideal para a realización deste novo formato, non só por estar no centro de Galicia senón tamén polas estruturas de apoio do concello ao evento.

O concurso contará con xurados integrados por profesionais da danza, tanto de Galicia como do norte de Portugal, e con recoñecidos maestros da danza que se encargarán do eido formativo, destacando a presenza de Marta Maceira que dirixe Máisquedanza de Lalín, e que se fará cargo da disciplina de Danzas Urbanas. A ela sumaranse profesores como Sandra Esteves, na especialidade de ballet, de Portugal. A bailarina, coreógrafa e docente nada na Arxentina Jeanette Feal será a encargada das ensinanzas de danza contemporánea, mentres que a directora e profesora da escola de danza Media Punta de Vigo Kris Rodríguez ensinará Jazz Lírico.

A tamén bailarina e coreógrafa con formación clásica na escola municipal de bailados de Sao Paulo Isabel Sabín ensinará Jazz Musical, Nana Rivadulla estará con Danzas Urbanas e Anastasiia Strilets K-Pop. Haberá tamén gala de peche do evento non competitiva onde se poderá ollar o aprendido nos workshops e coreografía do repertorio dos grupos e escolas participantes a partir das 20 horas nas instalacións do auditorio.