A ilusión do cambio

Paco Vilariño

LALÍN

07 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Vaia por diante o meu recoñecemento e agradecemento aos centos de veciños e veciñas de Lalín que o pasado sábado acompañaron ao BNG en Liñares na miña presentación oficial coma candidato á Alcaldía. Naquela sala ateigada de xente,e moita que quedou fóra por falta de espazo, confirmei que temos un pobo moi grande, cheo de xente orgullosa de ser de Lalín, xente que non se conforma e que quere un futuro diferente, un Concello diferente que os coloque a eles, aos veciños e veciñas, por diante.

Hoxe estou máis convencido ca nunca de que Lalín quere un cambio, a veciñanza está farta da nada máis absoluta á que nos condeou o PP nestes case catro últimos anos. Xa abonda, este é o momento preciso de poñer a política a servizo do pobo e no BNG de Lalín temos acreditado que sabemos cómo facelo, que sabemos xestionar, gobernar para a xente e transformar a sociedade coa mirada posta sempre no benestar dos veciños e as veciñas.

Sabedes que o meu xeito de entender e exercer a política ten coma sinal de identidade o diálogo e a participación. Encabezo un proxecto ilusionante que quere devolverle o Concello de Lalín ás persoas, traballando con todos e todas vós e non ás vosas costas. Ben me coñecedes, son unha persoa de fortes conviccións e podo asegurarvos que estou convencido de que é o momento de apostar forte por Lalín, polas cuestión sociais, a nosa sanidade, o emprego, a nosa mocidade, o noso rural, etc

O BNG é garantía de que hai outra forma sde gobernar, xa o temos demostrado, xa amañamos unha vez o lamentable estado no que o PP deixou as nosas arcas municipais. Van volver a facelo, o despilfarro e a política de pan e circo aos que o PP lalinense nos ten sometidos voltarán a deixar os petos dos veciños e veciñas de Lalín baleiros. Tranquilos, xa o fixemos e voltaremos a sanear as arcas públicas.

A nosa mocidade e o noso rural non poden soportar máis o abandono aos que o señor Crespo e o PP os teñen condeados. Os nosos mozos e mozas queren ter un futuro en Lalín, precisan políticas de emprego, axudas a emprendemento, acceso á vivenda, alternativas de cultura, ocio e deporte. No noso rural non precisan convites a cocido, queren servizos que os equiparen ao urbano e políticas que aposten por un rural vivo como o futuro e tesouro que é.

Lalín non pode esperar máis, e coa ilusión, o traballo e o empuxe de todos e todas os que levamos a noso pobo na cabeza e no corazón todos esos cambios serán posibles. Temos un soño e podemos facelo realidade o vindeiro 28 de maio.