Politicamente falando

José Crespo

LALÍN

21 ene 2023 . Actualizado a las 22:53 h.

Máis de 200 persoas reunímonos o venres en Goiás para renderlle unha sinxela e emotiva homenaxe a Antonio Rodríguez, co gallo da súa xubilación tras 32 nos dedicado á vida municipal e á política local. Como podedes comprender, 32 anos de vida dan para todo, e máis nos tempos que corren, cunha política tan cambiante e imprecisable. Pero se hai algo que Antonio demostrou en todo este tempo foi a súa lealdade a un equipo e a un proxecto e a súa forma de facer política desde a calma e sen estridencias.

Precisamente, un modo de entender a política que contrasta como o día e a noite co que está a acontecer en Lalín neste mandato, no que a oposición amosa día tras día a súa versión máis ruidosa, enfurecida e superlativa á hora criticar o labor do goberno e aos seus integrantes, posiblemente debido a unha mala e tardía dixestión da súa inesperada derrota en maio de 2019.

Un día levántome convertido nun «dinosaurio» —cualificativo que me dedica un PSOE que curiosamente ten como referente dos alcaldes ao «xuvenil» Abel Caballero, doce anos máis vello ca min—; outro día montan unha algarada no pleno e dan a espantada dunha forma bastante irrespectuosa; e día si e día tamén tíldanme de «megalómano» e «faraón» e repróchanme «falta de xestión» e estar «alonxado da realidade».

A estas alturas xa poucas cousas me sorprenden e asustan, porque, afortunadamente, despois de tres décadas vas facendo callo e vas aprendendo a relativizar as críticas e a dimensionar os ataques, porque non ofende quen quere, senón quen pode. E, por sorte, penso que a veciñanza aínda ten moi frescos na memoria os resultados do experimento do cuadripartito que desgobernou Lalín entre 2015 e 2019 e segue a preferir un alcalde e non tres ou catro.

Dito isto, aproveito tamén para aclarar algúns comentarios de rúa que me chegan sobre un suposto achegamento entre o PP e Compromiso por Lalín. Vaia por diante que é certo que a miña relación persoal con Rafael Cuíña é infindamente mellor que en anos pasados, porque falando enténdese a xente e porque hai meses aclaramos as diferenzas que tiñamos no eido estritamente persoal. De feito, cada vez que lle escoito unha entrevista, el mesmo asegura que a nosa relación persoal é óptima, pero «politicamente falando» non lle doen prendas en destriparme cada vez que ten ocasión.

Por iso, eu tamén teño que dicirlle a Rafael Cuíña e tamén a Compromiso por Lalín que «politicamente falando» estamos nas antípodas, porque temos concepcións distintas do futuro que queremos para o noso pobo, temos estratexias distintas para conseguilo e, sobre todo, temos claro que o goberno non pode sustentarse en alianzas e pactos políticos contra natura nin na renuncia á autonomía e aos principios ideolóxicos do propio partido. Pero eu quédome co exemplo de Antonio Rodríguez: a lealdade por enriba de todo.