«Os contos de curas eran de contarse no ámbito privado»

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

LALÍN

CEDIDA

Despois do estreo deste espectáculo en Cuba, chega a Lalín

20 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A compañía lalinense Fantoches Baj representará no Salón Teatro da vila hoxe venres, a partir das 21 horas, o espectáculo titulado «Auga que non vas beber», protagonizado por Almudena Vidal e Inacio Vilariño.

—Os contos de curas son o fío condutor deste espectáculo.

—É un espectáculo que se montou a partir dun texto que foi premio Barriga Verde de Títeres, e que nace dunha investigación sobre contos de curas dentro da Península Ibérica. Son textos recollidos da tradición galega, zamorana e tamén do país veciño; de Portugal. Son contos de curas, procedentes da tradición oral que pasaron a converterse nunha aventura única.

—Contos que habitualmente non se espallaban fóra do ámbito máis privado.

—É certo. Os contos de curas formaban parte do ámbito privado, e relatábanse nas lareiras, pero son textos que agora se abren ao ámbito do público en xeral. É un espectáculo no que a protagonista é a Carolina, a criada do cura -unha figura que adoita estar sempre presente nos relatos destas características- que tamén é a muller do muiñeiro. É unha peza moi divertida.

—Conta tamén cunha parte musical.

—Si. Os textos van salpicados por cancións que dan lugar a un sketch de marionetas variadas: dende as de táboa pasando polas de fío ou guante. Aproveitei para facer tamén unha miscelánea de diferentes técnicas, que empregamos dentro dun mesmo espectáculo.

—Un espectáculo que se estreou en Cuba antes da pandemia.

—Si. Fíxose por primeira vez na Habana, en Cuba, onde estivemos acompañados por un coral cubana pequena pero marabillosa dentro do Festival de Bacanal de Títeres para Adultos. Naceu a obra onde tiña que nacer realmente. Despois o proceso quedou truncado pola pandemia e puidemos enganchar novamente as representacións, cando mellorou a situación sanitaria, representando os textos en Portugal onde fixemos varias actuacións e posteriormente levamos o espectáculo a Lleida; ao festival de títeres que se leva a cabo alí, e tamén á cidade de Vals en Tarragona.

—Recomendado para adultos.

—Si, é un espectáculo para público adulto. Non pasa nada se está algún rapaz, pero mellor para adultos.

—Están programadas outras actuacións despois da de mañán en Lalín?

—De momento non. O certo é que a compañía está agora mesmo abrindo a axenda deste novo ano. En decembro, coma todos pechamos exercicio, e estamos comezando a pechar novos compromisos pero tamén espectáculos novidosos que se irán coñecendo. O próximo xa o temos pechado para o 13 de maio na Cidade da Cultura, en Santiago.

—Ten algo que ver con este?

—Non, nada (rí). É un espectáculo relacionado coa figura de Francisco Fernández del Riego, e chámase «Viaxe feliz de Ramón San Fiz».