O percorrido chegou aos oitos lugares da parroquia lalinense de Cercio
06 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O pasado domingo, dentro da programación do Ciclo Cultural que cada ano ven organizando a asociación A Carballeira de Cercio, percorremos xunto a medio centenar de veciños os camiños da parroquia e ollando canto de interese histórico e patrimonial gardan os oito lugares que a compoñen.
A ruta comezou no colexio público Varela Buxán, onde tivemos o pracer de referir aos presentes algúns apuntamentos históricos da parroquia de Cercio e do seu fillo adoptivo o dramaturgo Manuel D. Varela Buxán (A Estrada, 1909- Lalín, 1985). No colexio que leva o seu nome ten un busto dende 1985 e que tamén foi obxecto dunha ofrenda floral ao remate da andaina, diante do seu panteón no cemiterio parroquial, cunha coroa que depositaron a concelleira de Cultura, Begoña Blanco, o presidente do colectivo A Carballeira, Xosé Luís Castro Pol, e o distinguido veciño, Manuel Blanco, logo dunha resumida semblanza que fixemos nós e ao son do himno galego que interpretou Fernando Rodríguez.
O percorrido continuou por preto do Coto das Covas, onde quedan os retos dunha antiga explotación mineira e despois no Iglesario, onde estivo emprazada a antiga igrexa parroquial e fican as ruínas da casa reitoral. A ruta continuou logo polo lugar de Loucenzo, onde paramos para ollar a Casa Grade de Quinteiro, que fora dos Barral do pazo da Pena de Brántega e co tempo dos Golmar de Anzo. Despois polo lugar de Xirón que en tempos pertenceu a parroquia de Palio, logo dunha empinada costa paramos nun miradoiro a pé da estrada de Lalín a Brántega, dende onde os camiñantes puideron ollar una espléndida panorámica das ribeiras dos Arnego, dende Brántega ata Agolada, que comparten sobreirais e praderías e pechan os horizontes a senlleira Pena Guntín, a Serra de Fornelos, a Pena Maior e o castro de Marcelín.
Igrexa de Palio
Na igrexa prerrománica de Palio houbo parada e explicación deste notable templo recentemente restaurado, aproveitando para facer fotos e admirar pinturas murais e fermosos capiteis, para continuar atravesando o lugar cara Cercio de Abaixo, onde houbo parada e comentarios desta antiga casa fidalga con escudo de armas dos Deza Churruchaos, Sánchez Somoza e Varela, que se di foi berce do relevante trobador Nuno Eanes de Cérceo. Un persoeiro que, aló polo século XIII, participou na toma de Sevilla xunto co rei Fernando II, sendo autor dunha ducia de cantigas de amor e o primeiro en tratar o sentimento da saudade cando marchou para terras andaluzas.
Apuntes do patriarca
A ruta continuou logo por Mato, que en tempos tivo soa pola súa banda de música, e preto da casa fidalga dos Torreiro, por camiños que preside a Serra do Carrio, continuando logo cara a Chares, para rematar na igrexa parroquial de Cercio. Trátase dun bo templo barroco do século XVIII que loce na fachada un grande escudo da orde do Carmelo e unha imaxe pétrea da Virxe do Carme, onde tivo lugar a ofrenda referida, logo dunha semblanza que fixemos do patriarca do teatro galego Manuel D. Varela Buxán, para o que agardamos a dedicatoria dun Día das Letras Galegas a non moito tardar.