Xuntanza de exalumnos do Instituto Laboral de Lalín

d. g. a. LALÍN

LALÍN

DANIEL GONZÁLEZ ALÉN

No acto homenaxeouse ao cronista oficial da capital dezana

30 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Como xa vén sendo tradicional dende hai varias décadas, unha vintena de exalumnos graduados na promoción do 1968 do Instituto Laboral Ramón María Aller Ulloa de Lalín, celebraron a súa xuntanza anual e aproveitaron a ocasión para tributarlle unha homenaxe ao compañeiro Daniel González Alén, logo do seu nomeamento como Cronista Oficial de Lalín.

Pola mañá percorreron parte do Sendeiro do Muíño de Cuíña, convidados polo compañeiro Eladio Cuíña, visitando as instalacións do complexo fariñeiro que aínda funciona na actualidade, así como a ampla zona dedicada á produción de froitos autóctonos e ecolóxicos propiedade da mesma familia Cuíña, para rematar cunha degustación de viños galegos e petiscos a base de produtos da comarca nun dos edificios deste senlleiro complexo.

A celebración continuou despois no Restaurante Cabanas de Lalín, compartindo todos un típico cocido e animada conversa. Na sobremesa, Eladio Cuiña e José Luís Soto foron os encargados de pronunciar unhas palabras de recoñecemento ao labor como cronista dezao de Daniel González Alén, ao que fixeron entrega en nome de todos dunha placa para deixar lembranza desta cativa pero sentida homenaxe, que o seu receptor soubo agradecer loando a grande colaboración e apoio que dende sempre tivo destes amigos e compañeiros, que logo de exercer variadas profesións por toda España, gozan agora dunha merecida xubilación e manteñen a tradición de xuntarse polo menos unha vez ao ano en Lalín ou na súa comarca. Tamén houbo unhas emocionadas palabras de recordo para os compañeiros finados en anos anteriores: Xulio González Palmou, Pablo Fernández Vázquez, Manuel Amorín Bernárdez e máis recentemente, Ángel Fernández Núñez.

A celebración rematou coa interpretación de cancións populares, que iniciou o tamén compañeiro o ben coñecido músico lalinense Pachi, ao que logo se foron sumando os demais en animado e improvisado concerto que rematou á noitiña. Foron máis dunha vintena de alumnos do total de sesenta e nove que conformaban a que sería a decima promoción do centro no curso 1963-64, con mozos procedentes dos seis concellos de Deza, os máis deles do rural.

No Instituto Laboral de Lalín, que ocupaba as instalacións do antigo Hospitalillo e que na actualidade acolle o IES Laxeiro, obtíñase o título de bacharelato laboral en cinco anos, que logo podía ter continuación con dous cursos máis, en Medina del Campo, Betanzos ou Vilagarcía de Arousa, para ter acceso a estudos universitarios.