A Xunta destina 16 millóns de euros a reformar máis de 200 oficinas do rural

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

LALÍN

Vista aérea de Castro de Calvor, en Lugo
Vista aérea de Castro de Calvor, en Lugo ALBERTO LÓPEZ

Os edificios adaptaranse ás necesidades actuais para prestar mellor servizo

27 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia é rural. Segundo datos da Xunta, o 97% do territorio responde a esa característica, o que provoca que moitos veciños vivan lonxe das cidades, onde as administracións prestan boa parte dos seus servizos.  Sen embargo, desde hai xa tempo, a comunidade conta tamén cunha ampla gama de oficinas repartidas por toda a xeografía galega nas que a poboación pode atopar solucións en materia agraria e forestal. O problema é que moitas destas infraestruturas teñen quedado obsoletas e precisan dunha fonda adaptación. Por iso, a Xunta anunciou que, entre este ano e o próximo, se investirán algo máis de 16 millóns de euros en poñer ao día estes inmobles.

O chamado Plan de Mellora das Infraestruturas Agrarias e Forestais consiste en rehabilitar as instalacións das actuais oficinas agrarias comarcais e das asociadas ao dispositivo de prevención e defensa contra os incendios forestais. En total, son máis de 200 os inmobles que precisan unha adaptación ás necesidades actuais da sociedade, así como unha mellora global do seu estado, co fin de poder dar un servizo axeitado ás persoas que viven no medio rural, ben sexa de forma directa, para a atención ao público, ou indirecta.

Con toda esta modernización, o Goberno galego busca optimizar a relación entre a Administración e a cidadanía, empregando para iso infraestruturas máis modernas e eficientes e mellorando así a imaxe corporativa que a Xunta ten entre os habitantes do medio rural. Ao mesmo tempo, esta mellora facilitará as xestións que a cidadanía ten que levar a cabo coa Administración galega no rural, ofrecendo, sempre que sexa posible, un servizo global nunha única sede da Xunta por localidade, agrupando así nun único inmoble as oficinas dispersas dese municipio.

Melloras no deseño

Para acadar todos estes obxectivos, nos vindeiros anos vanse realizar unha serie de obras en todos estes edificios. Así, acometerase unha mellora no deseño das oficinas e na uniformización da súa sinalética adaptada á imaxe corporativa da Xunta. Tamén se renovará o mobiliario e o parque móbil asociado a esta rede de oficinas. Ademais, mellorarase sensiblemente a súa dotación tecnolóxica.

En todos estes traballos investiranse algo máis de catro millóns de euros entre o ano actual e o próximo, tal e como establece o Plan de Mellora das Infraestruturas Agrarias e Forestais presentado. A realización de todas estas obras será un proceso gradual, onde 2,55 millóns de euros se destinarán ao reforzo de ata oito grandes oficinas do medio rural. Haberá, ademais, outros 1,5 millóns de euros para o acondicionamento e modernización de oficinas menores. Todas estas obras inclúen desde a renovación do mobiliario á dotación tecnolóxica e doutros medios adicionais. Precisamente, unha das obras contempladas para o vindeiro ano é o futuro edificio de servizos integrados en Lalín, que albergará a Oficina Agraria Comarcal. Unha iniciativa que, entre outros servizos, suporá un investimento de 3,7 millóns de euros ata o 2025. 

Outras 28 oficinas

En realidade este proxecto púxose xa en marcha durante o ano pasado, cando foi preciso acometer unha serie de obras nun total de 28 oficinas do rural. Para todas elas elaborouse un proxecto de mellora e execución de actuacións urxentes, que se puxeron en marcha para mellorar o servizo que prestaban. Nestes traballos xa se investiron 2,1 millóns de euros, incluíndo neste presuposto todas as obras realizadas así como a dotación de novo mobiliario e equipamento.

 

O plan tentará reagrupar todos os servizos da Xunta nun municipio nun único edificio

Un dos principais problemas cos que se atopan actualmente os habitantes do medio rural galego é que, en ocasións, as diferentes oficinas da Xunta atópanse repartidas en diferentes edificios aínda estando todas nunha mesma localidade. Un dos obxectivos do novo plan de mellora destas infraestruturas será, precisamente, tentar agrupar esas sedes que actualmente están dispersas. A idea é que todos os servizos da Consellería do Medio Rural se agrupen nun mesmo inmoble e que esta agrupación se estenda, sempre que sexa posible, aos servizos doutras consellerías, de considerarse conveniente. Este reagrupamento permitirá prestar os servizos á cidadanía dunha forma máis eficiente. Por outra banda, esta reagrupación tamén mellorará as condicións dos empregados públicos, permitindo gañar na eficiencia da utilización dos recursos públicos.

Estes novos edificios que acollerán todos os servizos da Xunta pasarán a denominarse oficinas rurais. Nelas terán cabida todos os servizos de Medio Rural, e tamén os doutras consellerías. Agruparán, deste xeito, aos empregados públicos do servizo de prevención e extinción de incendios, aos de planificación forestal e aos de agricultura e gandaría. Tamén se incluirán nestes novos inmobles as antigas oficinas agrarias comarcais, que albergarán aos administrativos, veterinarios e enxeñeiros que atenden ao público a diario, entre outras funcións. A idea é prestar unha atención global aos cidadáns do medio rural e nunha única sede por localidade, evitando así que os veciños teñan que andar buscando a que edificio deben dirixirse para poder facer as súas xestións.

 

Bases de Unidades Operativas contra os incendios

Unha boa parte da reformulación das infraestruturas do rural afectará tamén ás instalacións dos efectivos que loitan contra os lumes forestais. Deste xeito, os coñecidos ata o de agora como puntos de encontro vanse reformular e pasar a denominarse Bases de Unidades Operativas, xa que nelas se concentrarán as brigadas de incendios, pero tamén outros traballadores do servizo, coma os condutores de motobombas ou os axentes.

O plan prevé actuar en dous grupos de bases operativas repartidas por toda Galicia. Por unha banda, renovaranse 54 sedes, mentres que noutras quince está prevista unha renovación completa por nova construción ou rehabilitación total. As primeiras Bases de Unidades Operativas crearanse durante o próximo ano nos municipios de Rianxo, Mondoñedo e Muíños. Na súa construción ou adaptación investiranse máis de 2,1 millóns de euros.

En canto ás bases aéreas, renovaranse determinadas instalacións, firmes de pistas de aterraxe e edificacións auxiliares precisas para tripulacións e brigadas helitransportadas. O plan prevé tamén a construción de novas bases para mellorar a distribución territorial dos medios aéreos como factor clave na optimización da operatividade deste tipo de medios, tales como a base transfronteiriza Interlumes, que se construirá entre Verín e Oímbra, que contará cun investimento de 4,5 millóns de euros, e a nova base de Lalín.

Outra das liñas deste plan de mellora das infraestruturas pasa por seguir avanzando na primeira fase do Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén, coa renovación do primeiro dos edificios do complexo para convertelo nunha aula de formación e centro administrativo. Para estes traballos hai previsto un investimento de 2,5 millóns de euros. Actualmente, xa están rematadas as pistas de adestramento 4x4 e o acondicionamento exterior destas infraestruturas.

En último lugar, o plan presentado pola Xunta inclúe tamén a finalización da nave loxística de Lalín, localizada no polígono de Botos. Aquí tamén se está a construír un taller de reparación para os vehículos do dispositivo. Todas estas actuacións levan un orzamento asignado de 1,3 millóns de euros. Con todas estas actuacións, a Xunta busca unha mellora na calidade dos servizos que presta aos veciños e nas condicións laborais dos empregados públicos.