Festival internacional en Lalín co acordeón de protagonista

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Haberá agrupacións galegas e solistas, tamén búlgaros, no auditorio municipal

22 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Buscan facer rexurdir con forza en Lalín o acordeón, un instrumento que outrora formaba parte de orquestras e bandas de música, e fano ao grande celebrando de entrada o seu primeiro festival internacional, que comezará ás 19 horas deste sábado no Auditorio Municipal de Lalín. Na organización do evento están Juan Ruibal e Maximino Míguez, dous músicos que loitan para que se recupere e se toque este instrumento «que quedou desafortunadamente obsoleto nas orquestras e nas bandas, e mesmo se dicía que era unha cousa de vellos», explica Maximino Míguez.

Nese afán de dar a coñecer as amplas posibilidades que ofrece o acordeón; «un instrumento marabilloso que posúe todos os tonos e rexistros», remarca Míguez,resaltando que programaron un festival que contará coas actuacións do grupo de Acordeóns de Celanova, Suso Ferreirós (Boiro), Terras do Miño (Lugo), Cristo Cristini Crucianelli (Bulgaria), Antonio Barros e Ialma (Mos) e os anfitrións de Acordeóns de Lalín. «Imos a escoitar a grandes acordeonistas para que se vexa que o acordeón non é un instrumento que vai morrer, ten que estar presente e por iso loitamos dende o grupo de Acordeóns de Lalín», sentencia Míguez. Pídelle ao público que acoda puntual a cita, e que non se perda nada dun festival que pretenden manter no tempo e levar a cabo de xeito anual.

O grupo de acordeóns procedente de Celanova, co que tamén toca Maximino Míguez, chegará á capital dezá cos seus dezaoito músicos que interpretarán catro pezas con música do país fundamentalmente.

Interpretación conxunta

Terras do Miño e Acordeóns de Lalín, o grupo anfitrión, tocarán tamén un mesmo número de pezas mentres que Suso Ferreirós, Antonio Barros e Ialma e o búlgaro Cristo Cristini terán intervencións musicais en solitario, «aínda que algún tema compartido tamén haberá, e ollo con Cristini xa que ofrecerá algo nunca visto», comenta Míguez. O festival rematará coa interpretación conxunta da rianxeira por parte dos grupos participantes e para a que se pedirá tamén a colaboración do público para que interprete o tema. O veterano músico lalinense fai unha promesa aos que asistan ao festival: «aquí non se vai aburrir ninguén».