Ábrense novas oportunidades laborais co Sendas II, en Lalín

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Miguel souto

O obradoiro, con vinte desempregados, estenderase un ano

18 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O obradoiro de emprego Sendas II do Concello de Lalín botou onte a andar con vinte persoas desempregadas, e unha inversión de 504.000 euros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia que se aproximará aos 600.000 despois das achegas que faga a administración local.

A aula da UNED acolleu o acto de presentación do obradoiro ao que asistiu o alcalde, José Crespo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, os concelleiros Avelino Souto e Paz Pérez, ademais do cadro de profesorado e alumnos-traballadores do mesmo. Unha das novidades do Sendas II, cun formato dual que se distribúe nos módulos de Repoboacións forestais e silvícolas e Operacións de albanelería, é que pasa a ter unha duración dun ano fronte aos 9 meses do celebrado anteriormente ao aumentar a carga lectiva nun 33 %. Unha clara aposta polo emprego, «un dos grandes eixos da acción da Xunta e por iso seguimos impulsando estes modelos formativos de mellora da empregabilidade, no que investimos 1 millón de euros nos dous obradoiros para catro concellos dezaos: Lalín e Rodeiro, Agolada e Dozón», explicou Luis López.

Caída do desemprego

O representante autonómico detallou que o desemprego diminuíu en 187 persoas no Concello de Lalín dende o comezo da presente lexislatura autonómica en xullo de 2020, o que supón unha rebaixa dun 16 % ata situarse por debaixo do milleiro de persoas, en concreto 972 mentres que no resto da comarca cífrase en máis de 300 neste período ata as 1.653 rexistradas no pasado setembro. López destacou a «boa evolución» do mercado laboral, acompañado do alcalde Crespo que salientou que pediran as especialidades de forestal e albanelería pola casuística de que son traballos nos que existe unha grande demanda e formar xente que poida posteriormente buscar emprego neses sectores ou apostar por un negocio de seu.

O paseo do Pontiñas e a Serra do Candán serán dúas das zonas nas que se traballarán os alumnos do Sendas II, según avanzou o alcalde. «Restauraranse os muíños do Pontiñas para os que temos permiso e tamén se fará o mantemento da Serra do Candán, así luciranse ambas áreas que son sitios emblemáticos de Lalín. Xa no último obradoiro se puideron ver os resultados do mesmo e temos a certeza de que neste novo tamén será así», comentou José Crespo. Pola súa banda o concelleiro de emprego de Lalín Avelino Souto pediulle aos alumnos que aproveiten este obradoiro de doce meses de duración por diante «e a formación, que é un privilexio poder tela».