Filgueira desvela en Lalín a difícil situación das mulleres prostituídas

C. m. / J. B. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Miguel souto

A maxistrada abriu o curso sobre igualdade de oportunidades da USC

13 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Salón Teatro de Lalín acolle dende onte e ata o 15 de xullo unha nova edición do curso de verán Novas Fronteiras na Igualdade de Oportunidades 2.0, que promove a Universidade de Santiago de Compostela (USC). A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, inaugurou o programa formativo e falou do plan estratéxico da Xunta, que conta con 900 euros para combater a discriminación e a violencia contra as mulleres. No acto tamén houbo representación municipal, co alcalde, José Crespo, e a concelleira Begoña Blanco.

María Paz Filgueira Paz, Maxistrada de Primeira Instancia en Santiago de Compostela, foi a encargada de presentar a primeira charla das xornadas. No seu día xuíza en Lalín, forma parte da comisión de igualdade na asociación de xuízas e xuíces, a formación de corpos de seguridade e a comisión de Igualdade da Xunta. Falou do círculo vicioso que ocorre coa prostitución e a trata de persoas, a gravidade das secuelas e a dificultade de aplacar esta situación debido á gran demanda e os fallos do sistema á hora de axudar: falta de intérpretes, desconfianza nas autoridades por parte das afectadas, a propia dificultade de verse a si mesmas como vítimas, os fallos na protección de testemuñas á hora de declarar e a construción dun discurso por parte da sociedade patriarcal á hora de debater a «voluntariedade» das afectadas, entre outros.

A maxistrada fala das distintas tácticas que se utilizan e como este grupo constitúe un dos máis vulnerables á hora de reinsentarse na sociedade dentro dos distintos tipos de violencia debido, en parte, a manipulación e engano que leva consigo o proceso de captación por parte dos proxenetas do cal o 42 % son mulleres, un dato que sorprende ata que se ten en conta a desesperada situación de endebedamento na que se atopan, o cal xera un bucle de renovación dun sistema que, segundo o informe de UNODC de 2010 estima que 350.000 de mulleres —sen contar os datos que non se coñecen— forman parte del, tan só en España.

Testemuña aterradora

En canto á concepción social deste traballo, Filgueira resume a situación coa testemuña dunha supervivente que declara: «a mi me prostituyó el hambre, la falta de trabajo, de techo, la falta de educación y de vivienda. Siempre digo que el Estado es el primer proxeneta, el dueño de la fábrica de putas. Son los gobernantes de turno los que violan nuestros derechos y nos empobrecen con políticas públicas vacías de inclusión y hacen uso y abuso de nosotras, las pobres, porque cuando hay hambre, no hay libertad».

Se falamos de datos, un 80 % de prostitutas —tan só as identificadas, por cada identificada hai vinte sen coñecer— son estranxeiras en unha situación irregular, e case o 50 % do total son menores de idade, así como catro de cada dez homes en España admiten ter accedido a estes servizos nalgún momento da súa vida. Tamén apreciamos como do total de vítimas de trata o 66 % son mulleres, o 13 % nenas, o 12% homes e o 9 % nenos.

Con estes datos a maxistrada María Paz Filgueira declara unha situación insostible e resume as posibles solucións a este problema: unha mellora do sistema xudicial, policial e lexislativo que incentive ás vítimas a declarar, campañas para desincentivar a demanda e unha sensibilización e educación —especialmente os homes— baseada na concienciación para deslexitimar o negocio cara o futuro.

Salazar falou das causas e efectos da masculinidade tóxica, a combater con maior esforzo no eido educativo

Na sesión das 12.00 do curso contouse onte con Octavio Salazar Benítez, catedrático de Dereito Constitucional na Universidade de Córdoba e coñecido escritor de libros de temática feminista como Las Horas. A súa charla foi Os corpos das mulleres como territorio de conquista, onde comentou a evolución histórico-cultural á hora de formar a visión actual que existe de masculinidade e feminidade.

Comenta o nacemento da masculinidade tóxica como unha busca de poder que converteu a figura do home nun ser omnipotente que trata de obter poder e superar a outros. Utiliza como exemplo as distintas representacións —tanto en arte sobre a mitoloxía grega como pode ser en películas de Almodóvar ou poemas de Sylvia Plath— da cultura antiga e actual á hora de representar ambas figuras, o que desembocou actualmente nunha hipervirilidade e hiperfeminidade na que ambos xéneros deben integrarse ou arriscarse a exclusión social, unha visión extremadamente agravada polo auxe das redes sociais na última década.

Dende este desexo da omnipotencia a figura masculina precisa unha contraparte débil polo que se relega ás mulleres e o seu corpo a unha posesión que ter, na que se valora a servidume e o silencio, e onde se crea un apoio mutuo no mundo masculino, buscando así, non só a dominación e propiedade das mulleres e o seus corpos senón unha busca de validación por parte dos seus homólogos, normalizando esta situación e constituíndo un sistema de violencia sistemática ao grupo considerado máis débil, que asumiu o papel que o sistema lle outorga e dificulta a revolución da súa posición social.

O rexeitamento desta posición submisa ao longo da Historia recente por parte das mulleres desemboca nunha reacción machista na que o desexo de dominio se converte en violencia —especialmente no ámbito sexual— e volve aos xóvenes influenciables a ideas de masculinidade tóxica, tanto ao consumo de pornografía inherentemente violenta como a manosfera ou a comunidade Incel, entre outras.

Octavio Salazar conclúe coa importancia da deconstrución destes conceptos e a influencia que a educación debe ter —especialmente nos homes— para acabar con estas ideas preconcibidas que a nosa actual sociedade aínda non está preparada para afrontar de maneira efectiva.

Programa de hoxe

Hoxe, ás 10.00 horas, Miguel Arconada Melero, catedrático de Literatura nun instituto de Palencia, falará das resistencias masculinas e masculinidades alternativas. Ás 12.15 será Lionel Delgado Ontivero, sociólogo, quen falará do patriarcado e machosfera e continuará María Lameiras Fernández, catedrática en Vigo, falando do sexismo ambivalente, ás 16.00. Rematará a segunda xornada do curso coa charla das 18.15 horas con María Reimóndez, escritora e tradutora, falando dunha visión interseccional.