O Colexio Loriga de Prado celebra as súas vodas de ouro

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Miguel souto

Os distintos sectores da comunidade educativa aportaron moitas vivencias, nun acto cargado de emoción e lembranzas

17 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Ceip Xoaquín Loriga de Prado (Lalín) celebrou onte unha xornada moi especial: o seu cincuenta aniversario. Unha efeméride que foi festexada polos distintos sectores da comunidade educativa cunha recreación de vivencias tinguidas de emoción, dende aquel ano 1972 en que abriu as súas portas o centro, e chegou ao recinto escolar a cativada de todas as escolas unitarias que viñan operando na zona; desde Busto, pasando polo Corpiño ou Santiso.

No terreo escollido para levantar o novo centro estaba funcionando unha escola rural polo que foi preciso trasladar as ensinanzas ao teleclub parroquial, según se lembrou onte, e alí funcionou un par de cursos. Había separacións por sexos nas aulas, malia que o colexio era mixto. «As nenas ían a unhas aulas e os nenos a outras, e nos patios tamén cada quen estaba nunha zona», explicaba un profesor.

Anos nos que os autobuses tiñan serias dificultades para chegar ás inmediacións do recinto escolar e a algunha aldea; «os rapaces de Busto andaban tres quilómetros para chegar á carretera, e no inverno subían enchoupados», dixo un antigo conserxe que tamén foi condutor de bus. O colexio de Prado sumou máis de 400 matrículas moitos anos, fronte aos 142 cos que conta na actualidade; que malia non acadar os ratios de etapas douradas segue sendo un dos centro do rural con máis alumnos. «Os pais buscan espazos amplos para os seus fillos e aquí hainos, comedor de xestión propia, unha fermosa carballeira...», encomia unha dos 21 profesores que ten actualmente o centro. Unhas vodas de ouro ás que tamén asistiu o xefe territorial de Educación, o alcalde Crespo e os edís Begoña Blanco e César Reboredo.