«Queremos darlle un empuxe á escola e aumentar cordas»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

E CUIÑA

A nova directiva que preside Antón Batán traballa en varios proxectos e prepara concertos, o primeiro para a presentación do novo director da Banda de Lalín

28 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O músico Antón Batán Fernández é desde fai escasos días o novo presidente da Banda de Lalín. Releva no cargo a Alejandro Piñeiro, «que fixo, con David Fiuza e Cheíto (José Luis Taboada), un traballo inxente, en momentos moi complicados dende o punto de vista sanitario nos que houbo que adaptarse a unha situación nunca vivida», sentencia Batán.

—Nova directiva e novo director. Moitos cambios na banda en poucos días.

—Pois enfocamos o futuro da banda da man de Marcel (Van Bree) -novo director da formación- e queremos darlle un empuxe á escola, que é de onde se nutre a banda. Notamos certa decadencia no número de alumnos, e se a situación sanitaria nolo permite, a intención e facer máis piña e máis familia artellando algunha viaxe, poder celebrar de novo a Festa do Socio, dar concertos nas festas... Por outra parte tamén temos que aumentar algunhas cordas que están algo frouxas; só hai dous trombóns, contamos con seis saxos e antes había doce... Entendemos que hai que potenciar algunhas cordas aínda que a nivel de músicos somos unha banda numerosa de entre 80 e 85 integrantes.

—Cales son os proxectos que están en marcha?

—O máis inmediato son os concertos, algúns xa marcados con datas. O primeiro será o de presentación do novo director, Marcel Van Bree, o 12 de marzo. Para o 1 de abril temos a homenaxe a Laxeiro, o Concerto do Cocido que se iba utilizar para a presentación de Marcel quedou adiado para o 23 de abril, logo están as festas de Goiás para primeiros de maio, a programación habitual de Concertos na Rúa... Son previsións xa que organizar actos a dous meses é complicado ao depender da situación sanitaria. Sen ir máis lonxe tiñamos un repertorio para o Concerto do Cocido que foi necesario cambiar unha vez se adiou a súa celebración.

—Como recibe a Banda de Lalín ao novo director?

—Recibimos a Marcel con moita ilusión. Os músicos estamos moi motivados, tanto os que estivemos con el na primeira etapa; dos que quedamos ao mellor unha ducia, coma os que teñen menos anos. Así os máis novos, ao mellor, cun chisco de nervos xa que Marcel dirixindo é moito Marcel...

—Nova responsabilidade pero cun gran grupo de traballo.

—Estou moi orgulloso do grupo que me acompaña. Dende o minuto cero dixeron que aí estaban. Somos once en total; de diversas cordas, con dúas socias que son nais de músicos da banda que serán as encargadas de facer de nexo entre os pais, socios e a directiva. Serán as encargadas de prantexar as peticións que se xesten no seo dos asociados ou dos pais cara a directiva. Javi Carballude, o actual director da Banda Xuvenil, será o encargado de levar a escola xunto con outros mestres... A idea é que se faga unha distribución do traballo por áreas para que sexa todo algo máis doado, aínda que a anterior directiva fixo un traballo impecable e deixou todo organizado.