Arte ou desastre no souto de García Sánchez en Lalín

Daniel González Alén / LALÍN

LALÍN

Daniel González Alén

20 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Facía tempo que non íamos dar unha volta polo souto de García Sánchez e a carballeira do Rodo, que se atopan a escasamente un quilómetro do centro da vila de Lalín, preto da urbanización coñecida por Cidade Xardín. Antonte achegámonos alí para facer as fotos para ilustrar unha reportaxe que se nos encargou e ollamos con tristura e pesar, como as esculturas pétreas deste fermoso espazo aparecen cheas de pintadas ou graffitis.

Estas obras escultóricas do arquitecto César Portela e o seu fillo o escultor Sergio, foron instaladas neste espazo natural no ano 2009, logo de que tiveran que deixar a carballeira da Crespa en Donramiro, por mor dunha sentenza xudicial. Naquel emprazamento xa sufriran actos vandálicos, precisando unha custosa restauración. Dende entón estes conxuntos pétreos, que inclúen unha enorme mesa de granito de máis de 33 metros de longo, forman unha fermosa estampa cos centenarios castiñeiros, para recreo e gozo dos lalinenses e quenes nos visitan. Poida que para algúns estes graffitis ou pintadas, sexan obras de arte que tentan mellorar a obra escultórica que os Portela aquí expoñen, para nós son unha aberración, un verdadeiro atentado duns poucos contra o que é de todos, que por desgraza se ven repetindo en moitos lugares. Xulguen se isto é arte ou desastre ou que outra denominación se lle pode dar, xa que nós xa non temos palabras.