Uxía Pérez: «Tal como estamos agora calquera profesión é un reto, é para valentes»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Vaise incorporar á explotación familiar despois de rematar os estudos de gandería

13 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentres os gandeiros están protagonizado mobilizacións en Galicia pola suba dos custes de produción, que significaron ata o momento un 40 % máis de aumento e ante o temor que continúe a escalada de cara aos vindeiros meses, e polo baixo prezo do leite hai mozos valentes que dan un paso adiante coa firme decisión de seguir a senda profesional iniciada polos avós e pais. É o caso de Uxía Pérez García (Cangas, Lalín), que a pesar de non barallar esa opción cando era unha cativa, decidiu agora apostar en firme por esta opción profesional.

—Por que dar este paso agora cando realmente a situación, según está transcendendo, é complicada para o sector que mesmo está saíndo a manifestarse?

—Penso que actualmente na forma na que nos encontramos calquera profesión é un reto; é dicir, que é para valentes dar ese paso nesta ou noutra opción profesional ao pasar por unha situación difícil de lento despregamento despois da situación sanitaria que nos tocou vivir. O sector cárnico primeiro e o lácteo despois piden melloras xa que non estamos pasando por un bo momento, e a verdade é que está custando poder saír adiante. Unha vez máis seguimos loitando polo que merecemos e polo que consideramos que é xusto. Tamén hai que dicir que non todas as empresas leiteiras son iguais, e algunha tamén está poñendo algo da súa parte, mentres que outras non se esforzan para nada. Así é que os sectores e os oficios están véndose moi afectados e as protestas chegan á rúa.

—En Galicia había máis de 30.000 explotacións leiteiras e hoxe quedan poucas máis de 6.000. É un sector que diminúe a pasos axigantados.

—É certo que o número de explotacións desde fai anos cada vez é menor, pero tamén é certo que o número de animais segue sendo o mesmo. Por outra parte o número de litros de leite que se producen nas explotacións é maior que anos atrás. Debido a todo isto temos que darnos conta de que para as poucas explotacións que seguen adiante os gandeiros existentes, e os que nos imos incorporar ás mesmas, necesitamos estudar e reciclarnos ano a ano para acadar unha ampla e óptima formación. É necesario estar perfectamente formados nos eidos da alimentación, reprodución, coidados sanitarios, manexo do gando... Dende logo que a reciclaxe non é só para os gandeiros senón que hai que aplicala a todos os oficios para poder seguir adiante. Creo que é fundamental formarse; tanto aquí na gandería como en calquera outro sector.

—Pero entendo que a loita segue no momento en que hai xente nova decidida a formarse e a pelexar.

—Claro, claro. Temos que seguir loitando por un prezo equitativo aos custes de produción que temos, xa que o noso maior problema é que a alimentación dos animais está actualmente polas nubes. Os animais teñen que comer pero non damos pago! A loita é de todos os que están nas granxas, os novos que chegamos e os que levan anos traballando. Temos que acadar prezos dignos.

—A profesión seguro que ten aspectos positivos para que unha moza decida quedarse na granxa familiar.

—Claro (sorriso). O mellor deste traballo é estar en contacto cos animais. O seu coidado pode aportar moitas recompensas, e xa non falo só dende o punto de vista económico, senón no persoal. É curioso xa que cando era cativa non pensaba en quedarme na granxa familiar, en seguir os pasos de meus avós e de meus pais, pero o estar cos animais é algo que sempre me gustou e me tirou; antes e agora.

«A formación é imprescindible en todos os oficios, e neste por suposto que tamén»

Di Uxía que non ocupa ningún cargo na Ganadería SAT Casagrande ao estar en proceso de incorporarse á mesma, pero iso non significa que non estea ao coidado dos animais.

—Cantas cabezas de gando manexades na explotación?

—Na actualidade contamos con 250 vacas aproximadamente. A explotación que comezou a andaina cos meus avós na aldea de Montrigo, na parroquia lalinense de Cangas, era nos seus inicios de carne pero co paso dos anos pasou a ser unha explotación con aptitude láctea.

—En que momento exacto te decatas que queres ser gandeira?

—Pois con dezaoito anos. Nese momento cando termino os estudos de Bacharelato e quedei un ano na casa preparando o ABAU, o exame de acceso á universidade, aí é cando me din conta que podía ser gandeira. Foi un ano no que pasei moito tempo cos animais da explotación, vacas que xa me gustaban dende pequerrecha... Unha vez que tiven a decisión tomada fun consciente da necesidade de aprender máis, de seguir formándome para poder seguir o día de mañá coa explotación. Para levar unha granxa axeitadamente hai que estar preparada e formada. A formación é imprescindible en todos os oficios e aquí tamén.

—Que é o máis duro?

—Podemos considerar que o máis duro dunha gandería pode ser o horario. É un traballo que ten que realizarse os 365 días do ano, aquí xa se sabe que non hai vacacións nin festivos, pero é moi levadeiro. A pesar da faena que hai que levar a cabo todos os días: botar comida e acercala, facer camas, muxir... o resto podes encaralo como mellor se presente a xornada. Eu creo que se volvera atrás, e sen dúbida, escollería o camiño que levo. É un oficio que me gusta e síntome moi contenta nel.