O Museo da Marioneta vai collendo forma coa contratación dun comisariado

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

E CUIÑA

18 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Trala recente inauguración do Museo do Xoguete no Pazo de Liñares de Lalín, o Concello segue a traballar no da Marioneta. O último avance foi a contratación dun comisariado para o museo, neste caso unha persoa do gremio, que se encargará da negociación coas diversas compañías de títeres. A persoa contratada para este posto foi Ignacio Vilariño Sanmartín, da compañía lalinense de teatro e monicreques Fantoches Baj. Esta agrupación actuará este domingo na Praza da Igrexa e ofrecerán o espectáculo Fábula Galénica, enmarcada na actividade Titirideza.

Begoña Blanco, concelleira de Cultura, apuntou que probablemente unha das salas do Museo da Marioneta estará destinada a Lalín e aos seus produtos. Entre os posibles elementos que se poderán atopar destacou os Cabezudos de Laxeiro.

O seguinte paso será a escolla e colocación do mobiliario necesario para o museo, que consiste en tarimas, vitrinas para as exposicións, carteis informativos ou estanterías. Nos vindeiros meses estarán traballando neste apartado para poder inaugurar o Museo da Marioneta de Liñares o antes posible. Begoña Blanco apuntou que a súa intención é ter rematada «a parte máis grosa» antes de que remate o ano, e que logo vaia collendo forma. Despois disto, seguirán pulindo algúns aspectos para o futuro.