«Quedou todo o mundo encantado, queremos que medre e se manteña»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Roc´ío Ramos

Para o ano que ven pensa en alongalo un pouco e traer artistas invitados

25 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Foron oito días moi intensos e de moito traballo, pero o clarinetista lalinense Xocas Meijide, encargado da organización do Xacobeo Clarinet Fest que se desenvolveu en Lalín os derradeiros días, está satisfeito co resultado.

-Como marcharon os participantes?

-Quedaron moi contentos. Houbo xente moi importante que veu como Franc Ballester que vive en Vancouver e aínda que é español ven moi pouco a España. El estudou na Universidade de Curtis en Filadelfia que só collen a un por especialidade e compañeiro do seu piso era Lang Lang o pianista famoso de Nova York. Prometeu que virá o ano que ven e quere vir incluso máis tempo. Para o ano que ven quero alongar o festival e que sexan dez días para dar tempo a que sexa todo un pouco máis relaxado. Todos os grandes como Coppola, José Luis Estellés e todos os demais queren volver.

-Os alumnos coincidían en que foi moi intenso

- Si, para todos e por culpa no covid faltou poder convivir cos alumnos. Non se puido e se botaba en falta. Non puídemos ter nin unha cea. Queremos facelo máis longo e para o alumnado si é máis importante algo máis de relax. Foi de 9.30 a 14.30 e de 16.00 a 22.30 horas todos os días sen pausa entre conferencias, concertos, clases. Eles foron encantadísimos, sorprendeulles moito e Lalín e as marcas tamén marcharon, ao igual que os profesores, encantados. Eles van a apoiar isto o ano que ven a tope.

-Xa está pensando na organización para o ano que ven?

-Xa teño ideas, pero quero descansar agora e en setembro teño que pórme xa e en outubro ten que estar definido. Ten que medrar. Precisa unha produción moi grande pero creo que foi un acontecemento para Lalín porque é un gran festival de música para Galicia. Non hai ningún de música clásica e todo o mundo axudou moito. A Banda de Lalín veu de balde todos os días e iso non pode ser, pode ser o primeiro ano, e fai falta máis apoio económico para facer un gran festival que se manteña no tempo e que quede en Lalín. Como lalinense que son non me gustaría que marchara para outro lado e creo que Lalín é o sitio ideal.

-Lalín é un bo escenario?

-Lalín é o pobo ideal para facelo, ten o tamaño adecuado e todas as instalacións necesarias aínda que co covid houbo que mudar algún espazo porque nalgún concerto eramos 90 tocando e con isto das distancias non podíamos na Praza da Igrexa, que sen pandemia si poderíamos. O tempo axudou tamén. Inventamos unha residencia de cero que os rapaces e as familias lle gustou e aprendemos moito desta primeira edición.

-Que mudarían?

-Vimos que seis persoas non chegamos e aprendín o que preciso, igual contar con voluntariado. Cun ano vista para poder organizar o ano que ven queremos invitar artistas que non sexan do profesorado para que así podan ter algunha tarde máis relaxada porque deron 40 horas de clase e tocaron tres concertos de media, oito horas de clase ao día e aínda así marcharon felicísimos. Coppola, o italiano, di que se vai empadroar en Lalín. O próximo queremos que teña algún día máis para dar tempo a que coñezan Lalín e facer algunha actividade, ir a dar un paseo a unha carballeira... que lles quede Lalín dentro, aparte do gastronómico coa que tamén van encantados. E logo foi xenial ter a Celso Fernández Sanmartín e a Viravolta e fixeron de fío condutor. Os profesores alucinaron e non se imaxinan o festival sen eles. Foi unha irmandade total. Un dos máis alucinados foi Coppola porque a súa tía era unha titiritera famosísima en Roma e os de Viravolta case choran da emoción porque era unha das titiriteiras máis famosas do mundo.

-Con que se queda?

-Estou moi contento de sacar a música á rúa e coa axuda e o apoio de todos. En Lalín teño unha equipa estupenda con Javier Carballude, David Fiúza, Cheíto, Manolo Zara que axudaron moitísimo, Miguel Queixas da produtora, Regina e a súa irmá do Casino que se implicaron a tope; María Jesús Froíz a directora do colexio Xesús Golmar, a xente da Casa da Xuventude o apoio da Xunta e do Concello...