Lalín agradece aos voluntarios de Protección Civil a súa labor

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

O Concello asinou un convenio de colaboración coa agrupación

25 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Lalín agradeceu aos voluntarios de Protección Civil a súa labor altruísta e unha implicación que, apuntan, «se amosa nun incremento no número de membros». Por primeira vez o Concello asinou un convenio de colaboración coa agrupación achegando ao colectivo 10.000 euros a fin de axudar nos gastos diarios derivados do exercicio dos seus cometidos.

O venres pola tarde, o alcalde de Lalín, José Crespo, xunto a concelleira delegada de Tráfico e Seguridade Cidadá, Eva Montoto; a tenente alcalde, Paz Pérez e os edís Avelino Souto, Begoña Blanco, José Cuñarro e Karen Fernández mantiveron un encontro cos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Lalín. O obxectivo era agradecerlles, apuntou o alcalde, «o voso traballo altruísta, sobre todo desde a irrupción da pandemia, no control de aforos nos distintos actos municipais sendo os encargados de levar adiante o operativo de medidas de seguridade anticovid, reforzando o traballo de Protección Civil e da Policía Local».

Destacou que é «unha labor que realidades _dixo_ sen pedir nada a cambio e que nestes tempos se torna fundamental para que poidamos desenvolver a programación municipal dos distintos departamentos, así como outros actos de entidades sen ánimo de lucro cando nolo solicitan». O rexedor sinalou que o número de efectivos pasou dos dez voluntarios a finais de 2019 aos 22 actuais e que «é un xesto digno de ser posto e valor e que demostra o alto nivel de implicación». Eses 10.000 euros da achega a través dun convenio servirán para custear os seguros da agrupación, a vestimenta, os desprazamentos e as actividades de formación permanente nas que participan xunto con outros gastos nos que poidan incorrer os voluntarios no seu traballo.