«Polo momento a venta de décimos en ventanilla vai a contagotas»

andrea otero / J. B. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Miguel souto

A lotaría de Nadal chega nunha época estival e sen turistas

24 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Co verán de 2021 recen comezado chega unha das grandes tradicións españolas, a lotaría de Nadal. Dende o día 1 de xullo xa chegaban os décimos aos puntos de venda da rede comercial de lotarías, e estarán dispoñibles ata o 21 de decembro. As administracións da zona xa teñen todas os décimos preparados para ser mercados.

Conta Gustavo Pousa, da administración de Silleda, que «de momento estamos na fase de repartirlla ás comisións de festa e aos clubs de fútbol» e que «o que é a venda en ventanilla vai lenta por agora». Santiago Fernández, da administración número 2 de Lalín, que todo o mundo coñece polo nome de París, afirma que «no verán xa reservan equipos de fútbol, asociacións de festas ou culturais». María José Iglesias, da administración número 1 de Lalín, coincide e destaca que teñen «reservas de peñas e de clubes».

Nestas datas estivais, os principais compradores de lotaría eran os visitantes pero dende o covid a concorrencia é menor. Gustavo Pousa afirma que «a afluencia turística non é importante na zona» e que «polo momento a venda de décimos en ventanilla vai a contagotas». Santiago Fernández di sobre a xente de fora que «de momento aínda vai habendo, esperemos que a pandemia en agosto se porte ben para que sigan vindo». María José Iglesias conta que os dous últimos anos «están sendo raros pola pandemia, a xente móvese menos e polo tanto véndese pouco porque non hai turistas».

Os veciños da zona non adoitan mercar con tanta antelación. Os silledenses, conta Gustavo Pousa, que comezan a mercar «con vistas a setembro e novembro». Santiago Fernández e María José Iglesias, das administracións de Lalín, coinciden en que os veciños do pobo e arredores deixano case sempre «para o último momento».

Tamén hai persoas supersticiosas que cren que a sorte inflúe nos eventos externos. O ano pasado os décimos rematados no número vinte «non duraron nada» e se esgotaron nuns días, apunta Fernández. Era o número que cadraba co ano de inicio da pandemia. Engade que «os rematados en 7, 5 e 4 son os que máis se venden». María José Iglesias agarda para este ano «reservas coa terminación 21».

As administracións de lotaría da zona tamén teñen encargos para enviar a outras provincias ou comunidades. Gustavo Pousa di que «normalmente chaman de fóra e enviámosllo por correo». Na París venden «sobre todo a Andalucía e País Vasco».

Na administración número 1, pola súa banda, teñen algunhas reservas de «xente de fora que quere mercar lotaría de Lalín».

Este ano poñeranse á venda 172 millóns de décimos ao prezo de vinte euros. O Gordo repartirá 400.000 euros por décimo, o segundo premio 125.000 e o terceiro, 50.000. Os décimos estarán este ano ilustrados con La Virgen de la granada de Fray Angélico, que pertence ao Museo Nacional do Prado.

Este 2021 fanse 209 anos dende as orixes da lotaría. Foi no 1812, ano no que se celebra o primeiro sorteo da Lotaría Nacional. Ese ano, o prezo do billete era de 40 reais e o «Gordo» de 8.000 pesos fortes. Foi en 1892 cando o sorteo celebrado durante as datas de Nadal comezou a chamarse «Sorteo de Navidad».

Xa en 1897 inclúese o título nos décimos. Pouco a pouco, escoitar aos nenos do colexio de San Ildefonso cantando os premios un par de días antes de Noiteboa foise convertendo nunha tradición máis.