Lalín insta á veciñanza a recoller as deposicións das súas mascotas

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Tramitáronse 3 sancións e colocaranse carteis informativos en parques e rúas

21 jul 2021 . Actualizado a las 21:36 h.

O posuidor dun animal debe recoller as súas deposicións na vía pública e depositalas nos colectores de residuos orgánicos. Iso é o que contempla a ordenanza medioambiental do Concello de Lalín, que estipula sancións de entre 30 e 300 euros; ao ser unha falta leve, a quenes non cumpran coa mesma.

En Lalín non se están acatando plenamente as directrices da ordenanza polo que dende a concellería de Medio Ambiente comeza unha campaña informativa e de concienciación. «Hai queixas pola proliferación de deposicións sen recoller polas rúas e nos parques polo que era preciso tomar unha determinación. Pedímoslle pois aos propietarios de mascotas que recollan as súas defecacións e imos colocar carteis informativos e na procura de que se fagan as cousas axeitadamente», explicou o titular do departamento César Reboredo.

A instalación de cartelería levarase a cabo en céntricas rúas e parques espallados polo casco urbano. «No caso dos parques onde xogan os nenos lembramos que está totalmente prohibido levar ás mascotas por normativa, por hixiene e por salubridade, e non recoller as defecacións pode acarrear unha sanción; de feito xa se tramitaron tres».

O concelleiro de Medio Ambiente apela á colaboración veciñal para poder manter o pobo nas mellores condicións posibles de ornato e limpeza. Entende que recoller as deposicións das mascotas «non custa nada, e ao igual que hai xente que se comporta moi ben outros vémolos cos cans de paseo e mirando para outro lado; unha pena».

Unha petición de concienciación cívica que se estende tamén a non depositar lixo nos camiños, montes e nas fontes públicas; caso da que se ubica en Lalín de Arriba. «É habitual atopar alí cabichas, latas, botellas, plásticos... e é unha fonte á que vai moita xente buscar auga polo que procederemos a colocar un cartel advertindo da prohibición de depositar calquera tipo de residuo na zona. Nos vertedoiros que se limparon tamén se procedeu á colocación deste tipo de carteis», afirma.