Soledad Felloza: «Regalamos outros horizontes á xente nestas contadas»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Ana Garcia

A Carballeira do Rodo, a alvariza de Ramón en Zobra e o Museo Municipal son os espazos escollidos para as actividades do Festival Atlántica

02 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Con enorme ilusión afronta Soledad Felloza, a directora do Festival Atlántica de Narración Oral, a súa novena edición despois de meses «nos que moitos o único que miramos foi a parede do salón», sentencia. Atlántica chegará a 27 concellos, entre eles Lalín onde comeza hoxe a programación, e aglutinará no seu percorrido a máis de 80 actuacións.

-O primeiro que chama a atención no programa deste ano son os espazos escollidos.

-É un agasallo ao público, e para nós mesmos que o merecemos. Son propostas no exterior, para que nos dea o aire e a luz e poder gozar de experiencias máis ricas. Regalamos outros horizontes á xente nestas contadas como é a Carballeira do Rodo que se quedará pequena para escoitar as historias de Quico Cadaval, (hoxe ás 20 horas), a alvariza de Ramón Acevedo en Zobra; que eu coñecín anos atrás e pensei que era un espazo marabilloso para contar, e onde Avelino González que é un magnífico actor, é tamén apicultor e traerá os seus contos. Por outra parte haberá unha función no museo municipal de Lalín, outro espazo emblemático do pobo. Aínda que me debo a todos os emprazamentos e funcións (risas) penso que a programación de Lalín é de primeiro nivel.

-Apostan por espectáculos para adultos e para público infantil e familiar.

-É unha das filosofías de Atlántica, que se oferten actividades para público distinto. Funcións que son de balde grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, ao Concello de Lalín e á familia de Ramón Acevedo que presta a alvariza e levou a cabo unha posta a punto da zona para que se poida facer alí a actuación do domingo.