-Que esconde «Auroriña»?
-Esconde a realidade do maltrato machista, sexista ou da violencia de xénero que está tan presente en todos lados e que cada día hai que reivindicar con máis forza, sobre todo neste momento en que algúns e algunhas se empeñan en negar cando é unha lacra social. É algo que debería de estar considerado como terrorismo. Penso que o é. Cada día morren mulleres en todo o mundo, cada día hai mulleres maltratadas, e é unha realidade terrible. Creo que todos os que teñamos un altofalante, por pequeno que sexa, temos a obriga de tratar este tema. Do xeito que sexa. Como nai de dúas fillas é o problema que máis me preocupa para elas, e iso me saíu así de dentro.
-Ou sexa que Auroriña é unha muller maltratada.
-Maltratada como outras moitas, e é do rural. Ambas cuestións creo que implican máis gravidade. O maltrato dáse nas cidades pero no rural queda moito por denunciar. No rural coñecémonos todos e podemos axudar aos que sofren violencia. Tender a man a unha veciña e non mirar para outro lado é a actitude. Todos sabemos quen é a veciña que o pasa mal e temos que usar esa proximidade para axudar.