Lalín outorgará axudas a quen empregue a lingua galega nas lápidas dos cemiterios

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

16 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Lalín quere poñer en marcha accións específicas cada ano a prol do galego ao marxe de manifestos e declaracións de boas intencións na defensa da lingua. O rexedor, José Crespo, avanzou este tipo de iniciativas a maiores da propia celebración do Día das Letras Galegas. Lamentou a progresiva caída no número de galegofalantes e o temor de perder nun futuro unha das sinais de identidade de Galicia.

Xunto coa concelleira de Cultura, Begoña Blanco, e a de Relacións Veciñais e Cemiterios, María Álvarez, anunciou que a partida dos orzamentos deste ano de 5.000 euros para normalización lingüística dedicarase a outorgar axudas a quen empregue o galego nas lápidas, nas placas de mármore ou metálicas co nome do finado, nos cemiterios do municipio. Unha idea que xa abordou no seu último mandato co presidente do Foro Peinador, José González.

Crespo subliñou que custearán o 50 % do custe desas placas, ata un máximo de 50 euros. Propoñerán a iniciativa aos marmoreiros para que podan sumarse con carteis nos seus locais e ofrecendo a opción a súa clientela. Prevén que despois do verán comece podería dotarse de máis diñeiro a partida para vindeiros anos se hai demanda. Tamén barallan no futuro cambiar placas de edificios públicos ao galego.