«Os mozos teñen un comportamento respectuoso, conscientes da situación»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Mercedes Mourenza, ao fronte do Espazo Xove de Lalín, procura artellar iniciativas novidosas, que non se ofertan habitualmente na vila

15 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A lucense Mercedes Mourenza Fernández xa mantivera experiencias laborais previas coa mocidade, e con programas socioeducativos, antes de facerse coa dirección do Espazo Xove de Lalín. Un centro ao que lle gusta definilo como «un punto de encontro da mocidade, un lugar onde os mozos e mozas poidan compartir experiencias, traballar conxuntamente ou simplemente estar cos seus iguais».

-Tamén é administración pública.

-Si, e polo tanto tamén ofertamos un servizo integral para achegar á mocidade toda a información e tramitación administrativa, así como un centro neurálxico para a divulgación de proxectos, programas e información de xuventude que lles poidan interesar: Iniciativa Xove, Galeuropa, Xuventude Crea, Carné Xove, Campaña de verán (campamentos e campos de voluntariado), axudas e subvencións, ou Chave 365. Tamén se orienta e asesora sobre temáticas vencelladas coa información xuvenil; ben sexa de estudos, vivenda, voluntariado ou asociacionismo... Con este espírito máis próximo á busca do equilibrio entre autoxestión e responsabilidade, as actividades pivotan directamente sobre as persoas usuarias. Elas deciden que actividades son interesantes organizar e procuramos realizar as que non se ofertan en Lalín, e que inclúan áreas como a musical, deportiva e artística.

-Cal é o perfil do usuario?

-A poboación que se achega abrangue desde os 12 aos 23 anos, fundamentalmente estudantado, e que fan deste espazo un lugar onde osixenarse e procurar aos iguais para aprender, comprensible tendo en conta a psicoloxía evolutiva e os procesos propios desta etapa no desenvolvemento. Antes da pandemia cada un dos grupos procuraba facer cousas conxuntamente. Agora o que se intenta é falar máis e compartir momentos. É como se existise unha necesidade de expresarse e ser escoitados e precisan de persoas adultas que os acompañen e aprendan con eles. Ás veces, creo, esquecemos que nós tamén fomos adolescentes. Interésanlles un universo de cousas, e temos organizado actividades nos que eran relatores sobre temas os que os motiva como músicas urbanas, anime, manga ou parkour. Cando algo lles gusta teñen inmensa curiosidade e moitos coñecementos sobre o tema.

-Colaboran con colectivos e asociacións.

-De feito colaboramos con varias: Concello de Lalín, Esmutelín, Anpa Agro do Rolo, Escola de Xadrez, Coro Luís Areán e Xove Voz, Fundación Galicia Verde... Cedemos mensualmente locais a entidades sen ánimo de lucro para que poidan desenvolver as súas actividades. Nese sentido hai uns días levamos a cabo con diferentes colectivos e entidades de voluntariado unha iniciativa na que quedou clara a necesidade de traballar conxuntamente e crear espazos e tempos que redunden tanto na valoración social das entidades, como na optimización de recursos e nos resultados positivos de cara á comunidade no seu conxunto, e á mocidade especialmente.

-Como afectou a pandemia á programación?

-Nós tiñamos planificado e divulgado un festival para finais de marzo do 2020, e coa pandemia cortouse todo... Xa tiñamos dinámicas, rutinas, e todo iso cambiou coas medidas e os aforos cambiantes. Pasamos a xaneiro con atención exclusivamente presencial e desde marzo volvemos a abrir, pero con restricións. Pouco a pouco estamos volvendo á pseudo normalidade. Cómpre pór de relevo que os mozos e mozas son conscientes da situación que estamos a vivir e destacar o seu comportamento respectuoso, nada que ver cos prexuízos que se espallan socialmente.

«Unha das próximas citas será o Debate dos Venres, pensado para poder practicar a oratoria»

O Espazo Xove, que recibiu no último ano 6.428 visitantes fronte aos 14.969 do 2019 pola pandemia, recupera paulatinamente certa normalidade e recentemente celebrou a Feira da Primavera.

-Fíxose grazas á implicación de todas as persoas que fan do Espazo Xove o lugar que é. Agradecer aos voluntarios, á xente de The Line, aos Wallrunners e aos Correspondentes Xuvenís a súa participación, ao igual que á Directora Xeral de Xuventude Cristina Pichel a súa presenza, e a axuda de técnicos de son, asociacións culturais, ao concello e ao compañeiro de animación sociocultural en prácticas os apoios.

-Cales serán as vindeiras citas?

-Un dos voluntarios está artellando «Debates nos venres» para poder practicar oratoria. Temos pendente con Gael Zarza unha xornada de parkour e o próximo venres día 28 veñen a visitarnos os integrantes de Jamm-In, un proxecto inclusivo mediante a arte dramática. O animador en prácticas está planificando un xogo de rol, e agardamos poder organizar co bo tempo unha actividade de arte urbana, seguir con cociña, autoestisma e LGTBI... Está pendente que The Team organice unha actividade vencellada ao cine; similar aos videoforos.

-Que outras opcións se poden atopar no centro?

-Hai unha sala de usos múltiples con xogos de mesa, ping pon e futbolín. Un ximnasio que usan fundamentalmente para adestrar ao parkour e unha sala de informática. Contamos tamén con dous locais de ensaio para que toquen os grupos e que utilizan os afeccionados ao rap para gravaren, e sala de exposicións.

-Hai que dar a coñecer máis as instalacións?

-Penso que sí. Que se saiba que este é un lugar onde estar de forma segura e en liberdade, pero sempre con responsabilidade.