Fátima Busto: «A tatuaxe é outra técnica máis para plasmar as ilustracións»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Dedícase tamén a facer retratos realistas mediante a técnica de grafito a partir de fotos

10 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A afección de Fátima Busto González pola ilustración naceu no momento en que colleu unha cera e pintou un monigote nas paredes da súa casa. Iso fíxoo con oito anos. Dende entón pensou en poder vivir delo grazas á influencia dos debuxos animados, os videoxogos e as revistas que mercaba desa temática; «que sempre viñan cunha sección de debuxos doutros rapaces, e quería pintar como os seleccionados comos os mellores do mes», reflexiona. Ata os 15 anos enfocou o seu traballo cara o mundo do manga e do anime, pero un ano despois xurdiu o cambio e arrancou a súa escoita de rock e metal; moi ligados á cultura da tatuaxe. O gusto de ver a pel pintada víñalle dende nena así que a ilustración tiña que ser o seu camiñar profesional, que complementa co de tatuadora.

-Que se é antes, ilustradora ou tatuadora?

-Creo que se me vai antender perfectamente se o prantexo doutra forma. Que eres antes, médico ou cardiólogo? Ao final a tatuaxe é outra técnica máis para plasmar o que máis che gusta, que son as ilustracións.

-En que proxectos traballou?

-Como proxectos propios está a miña participación na mostra de artistas da Algarabía de Lalín con dous conxuntos de láminas titulados «Xigantes de Oriente» e «Graecae antiquitatis», dos que vendín algunhas láminas, e que aínda están dispoñibles da librería Nigraponte. Tamén me estou dedicando a facer retratos realistas mediante a técnica de grafito a partir de fotografías; de feito é o que máis me pediron nos últimos meses. Ao final fago un chisco de todo para ir dándome a coñecer máis e para ir custeando material novo. Fixen os logos para a Algarabía do 2019, un ilustrado para Nigraponte e outro para unha asociación de emigrados galegos en Alemaña, o cartel de Comeback Fest 2019 e recentemente unha infografía para a Asociación Eólicos Lalín. Certo que tamén teño bastantes tatuaxes feitas.

-É unha práctica en auxe?

-Dende que as tatuaxes simples de liña fina se puxeron á orde do día, a cantidade de xente tatuada medrou considerablemente ao ser pezas menos impoñentes, e máis ao gusto do público en xeral. O emprego das redes sociais como escaparate para os estudos, a perda de prexuizos por parte dos máis novos e a influencia de ver a famosos tatuados fixo tamén moito no seu auxe.

-Por que nos tatuamos?

-Por mil motivos! Cada un ten o seu. O máis normal é que te tatúes por mera estética ou porque queres ter un recordo de algo persoal xurdido nalgún momento puntual. Existen as persoas que o fan con fins terapéuticos, como por exemplo, tapar cicatrices coma no caso das tatuaxes oncolóxicas, cicatrices postoperatorias ou incluso de autolesións. Tamén están as relacionadas cunha determinada ideoloxía, as influenciadas por estilos musicais; como é o recente caso do trap e o «ignorant style», as carcelarias ou as que están relacionadas con clans.

-Escóllese deseño?

-Sempre. O cliente sempre escolle, faga o que faga. Se leva a idea do deseño xa che dá o traballo feito a maior parte das veces. Tamén é frecuente ter unha carpeta con deseños do propio tatuador, onde o cliente escolle o que máis lle guste.

-Que esconden as tatuaxes?

-Hainas ás que o cliente dálle o seu propio significado, e tatuaxes onde os elementos en si teñen o seu simbolismo característico que quere aproveitar o peticionario. É todo moi subxectivo. Por sorte a carga de simbolismo no debuxo sempre foi enorme, polo que se tes conceptos pero non tes a idea clara, o tatuador pode axudarche a construir o que estás buscando.

«Estou a favor das enerxías limpas non así das afectacións a veciños e ecosistemas»

A pandemia ralentizou e mesmo, nalgún caso, paralizou determinadas prácticas profesionais.

-Minguaron as peticións de tatuaxes nestas datas?

-Como estou aínda na fase de aprendizaxe, o meu volume de traballo sempre foi irregular pero agora máis a causa dos peches perimetrais. Iso noteino sobre todo cando fixen as prácticas no estudio. Un dos peches pilloume en Santiago, e moita xente que viña de fóra a tatuarse viuse coas súas citas aprazadas, pero había traballo todos os días.

-É unha práctica segura?

-Podo asegurar que o é. Xa antes da pandemia as medidas de hixiene esixidas por Sanidade en España eran moito máis estritas que no resto de Europa. Sumando os protocolos antiCovid non hai ningún problema. Ás veces corren máis riscos os tatuadores que os clientes.

-Foron meses óptimos para deixar paso á creatividade?

-Tiven momentos de creatividade e produtividade máximos, e días grises. A pesar de todo, foi un ano no que me centrei en buscar un pouco o meu estilo creando sobre todo para min e formándome o máximo posible polo que estou contenta a pesar de todas as trabas que xurdiron por culpa da situación sanitaria. Agora conto que todo o aprendido neste tempo pandémico comece a dar os seus froitos.

-Metida tamén no movemento de rexeitamento aos parques eólicos...

-Afectados Eólicos Lalín está a favor das enerxías limpas pero non está de acordo coa creación dun parque de aeroxeneradores de 200 metros de altura, coa vía de evacuación para o tendido de alta tensión a escasos metros das casas e coa afectación a veciños e ecosistemas. Fixen o cartel informativo pero ao ver o atractivo natural de Goiás foime imposible non unirme á iniciativa.