Deza: «Tiven a fortuna de traballar bastante a pesar da pandemia»
Fran Lareu formou parte da serie «Estoy vivo» de Televisión Española, e comezará a rodar baixo as ordes do director Jorge Coira
lalín /la voz
A pesar das limitacións sufridas e ás cancelacións nas funcións teatrais por mor da situación pandémica, o actor lalinense Fran Lareu mantivo un bo ritmo laboral. O pasado venres subiuse de novo ao escenario do Teatro Principal de Santiago, acaba de rematar a súa participación nunha serie que emite Televisión Española e pronto comezará a rodar Proyecto Emperador, un thriller de intriga que produce Vaca Films e dirixe Jorge Coira.
-Non tan mal...
-Bueno... As primeiras funcións do ano foron as do pasado venres cun 30 % de aforo, nada normal para os teatros onde a xente garda as distancias, usa máscara, entra escalonadamente, usa xel... Consideramos que podían entrar máis persoas sen riscos... Semella que volvemos a esta normalidade estraña que tivemos neste último ano, aínda que é certo que tiven a fortuna de traballar bastante a pesar da pandemia.
-Formará parte do elenco de actores da próxima película de Jorge Coira.
-Estou moi contento e orgulloso de formar parte deste proxecto, que é moi interesante, e no que están grandes actores do panorama nacional como Luis Tosar, Alexandra Masangkay, Miguel Rellán, Bebe, María Botto e Denís Gómez. Unha película que dirixirá Jorge Coira, que coñezo pero co que non traballara, Vaca Films a gran produtora do cine galego... Estou contentísimo.
-Cal será o seu papel?
-Pouco podo contar... Luis Tosar é o protagonista, un axente especializado en investigación, que conta cun equipo do que eu formo parte. Empezaremos a rodar a mediados ou finais de abril. Serán unhas sete semanas. Xa tivemos varias reunións preparatorias e todo está xa en marcha.
-Quedaranse por Galicia?
-Rodaremos principalmente por Coruña, pero tamén haberá localizacións en Madrid, Bilbao e fóra de España.
-O que rematou foi a nova tempada da serie «Estoy vivo».
-Si, formei parte da cuarta tempada desa serie que emite a 1 de Televisión Española. Empecei a rodar en agosto e rematei agora. Fun un afortunado e case non parei. No teatro tiven que facelo, e moitos compañeiros botaron meses sen poder traballar.
-Como é rodar en tempos de pandemia?
-É estrano. Todos con máscara, acostúmaste a facer varias PCR á semana... Só nos vemos os ollos, mantemos a distancia de seguridade e só sacas a máscara na rodaxe. Todo é moi complicado.
-Tiñan unha cita teatral en Lalín que se pospuxo.
-É a terceira ou a cuarta vez que reprogramamos (risas). Tiñamos previsto ir coa obra «O meu mundo non é deste reino» do Teatro da Ramboia, que acadou dous premios María Casares, pero aínda non foi posible e non nos chega o momento de actuar na casa, que ganas temos moitas. Agora se non se produce ningún cambio están marcadas as datas para os días 6 e 7 de maio, con funcións pensadas para os colexios o primeiro día, e ao seguinte para o público en xeral.
Comentarios