Lalín mellora na recollida de impropios, cunha taxa do 25 %

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

ECOEMBES

Cada habitante deposita 12 quilos de envases, según Reboredo

16 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A pesar de que as cifras apuntan a melloras prácticas á hora de reciclar os residuos, «en Lalín hai que mellorar». Son palabras do concelleiro de Medio Ambiente César Reboredo que argumenta a melloría experimentada no ano 2020 nun 27 % en recollida; significando un total de 253 toneladas de envases recollidos, con doce quilos por habitante. O municipio, que sumaba un 40 % de impropios, está actualmente nunha taxa do 25 % «pero temos que chegar o antes posible ao 18 % ou incluso menos e iso é un traballo de todos», comentou Reboredo. De feito boa parte do lixo que se vén recollendo polo municipio a través do persoal da brigada medioambiental, e que está a piques de acadar o obxectivo marcado das 2.000 sacas de lixo retiradas de diferentes puntos do municipio, «presenta moitos plásticos e botellas que non estás depositados nos contedores apropiados». Co gallo de que todas as aldeas dispoñan de colectores suficientes, dende a concellería de Medio Ambiente estase facendo un estudo de necesidades «para adquirir máis contedores e levalos alí onde haxa demanda ao igual que se é necesario facer máis recollidas de lixo tamén se lle pedirá á empresa concesionaria da recollida de lixo», explicou Reboredo.

Por outra banda a aparición de vertedoiros incontrolados non cesa, «é unha práctica que non se entende de ningunha forma ao contar cun punto limpo no que depositar todo tipo de residuos e enseres, totalmente de balde, e en todo o municipio hai colectores para depositar todo tipo de restos e reciclalos». Ademais axentes do Seprona están investigando a recente aparición de animais mortos en dous puntos do municipio. «Nunha das miñas visitas diarias aos traballadores da brigada atopamos un leitón en Ponteamoas a 100 metros da ponte, outro becerro no monte de Bermés e na cima do polígono apareceu unha queima de restos de material de oficina e dunha cafetería». Prácticas que con susceptibles de ser sancionadas, sentenciou o concelleiro.

Sete parroquias terán contedores de recollida de aceite

O Concello de Lalín pon a disposición dos veciños un total de 3.500 funís, que se poden adquirir no consistorio, e que se distribuirán tamén polas parroquias nunha campaña encamiñada á recollida de aceite usado; altamente contaminante. As parroquias de Cercio, Prado, Corpiño, Donramiro, Vilatuxe, Botos e Noceda contarán con contedores específicos de recollida de aceite ao igual que as rúas Luis González, Arenal, Ponte, Matemático Rodríguez, Melide, Eanes de Cercio, B, Avenida da Estación e Avenida de Cruces.