«A tendencia é de menos explotacións, máis dimensións e mellor xenética»

Patricia López sinala que a pandemia destapou o papel fundamental do sector agroalimentario


lalín / la voz

É. Enxeñeira Técnica Agrícola, especializada en Industrias Agrarias e Alimentarias. Cursou o Máster Universitario en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria.

Inicios profesionais. Foron na Oficina Agraria Comarcal de Lalín, e posteriormente na Cooperativa O Rodo.

Di que sempre estivo vinculada ao sector agrícola e gandeiro, polo que sente unha gran paixón, e que iso a levou a estudar Enxeñería Técnica Agrícola. Patricia López López (Castro-Dozón) é dende o pasado mes de novembro Directora Comercial da Cooperativa Cobideza (Cercio-Lalín) despois de estar vencellada profesionalmente ao mundo do cooperativismo nos últimos anos.

-Cales son as funcións dunha directora comercial dentro dunha cooperativa?

-Pois entre as miñas principais funcións destaca a coordinación das diferentes delegacións, departamentos de compras, apoio ao equipo de vendas e asesoramento técnico co fin de manter un compromiso coa calidade e a mellora continua e favorecer o desenvolvemento en termos cuantitativos e cualitativos. Traballamos para contribuír á mellora da competitividade das nosas granxas, facendo unha boa xestión dos recursos e ofrecendo unha ampla variedade de servizos que satisfagan as necesidades dos nosos asociados.

-Falando de socios, con que volume contan actualmente?

-Na actualidade Cobideza S. C. conta con máis de 300 socios, que están espallados entre os concellos de Lalín, Vila de Cruces, Silleda, Agolada, Monterroso, Antas de Ulla, A Estrada e Forcarei; abarcando deste xeito as comarcas de Deza, Ulloa e Tabeirós-Terra de Montes.

-As cooperativas están perdendo asociados ou aprecíase un crecemento do sector primario?

-As cooperativas son a mellor ferramenta coa que agricultores e gandeiros contan para defender as súas producións no mercado e loitar por prezos xustos. A tendencia é de menos explotacións, pero de maiores dimensións, con máis número de animais, sistemas produtivos modernizados, mellora xenética do gando, e por suposto, persoal profesional e formado. Galicia lidera con claridade a produción a nivel nacional.

-A cooperativa tamén sofre os efectos desta complexa situación sanitaria?

-Inevitablemente os efectos da pandemia estanse a ver reflectidos en todos os sectores, aquí tamén. O impacto da covid está xerando incerteza a nivel económico e social. Certo é que esta pandemia puxo de manifesto o papel fundamental do sector agroalimentario, que viviu momentos difíciles, pero dos que sempre conseguiu saír reforzado. Na cooperativa tivemos que adoptar algunha limitación, pero neste intre traballamos con bastante normalidade facendo uso das novas tecnoloxías e das redes sociais para comunicarnos cos nosos socios. Sen dúbida que a maior preocupación agora mesmo é a saúde de clientes e traballadores, e por iso se activaron medidas tendentes a garantir a seguridade de todos. Fixemos uso da capacidade de adaptación que temos fronte a esta nova situación co gallo de dar resposta ás necesidades xurdidas e mesmo se dobraron esforzos para incrementar a prevención e o servizo a domicilio.

-Medran as súas vendas de queixos nestas datas?

-Na nosa queixería Dona Cobiña as vendas víronse incrementadas nesta campaña de Nadal, e a través da tenda dixital Correos Market podemos facer vendas on line, directas entre produtor e consumidor, co beneficio de que o consumidor contará co produto na súa casa nun prazo de 24 horas.

-Futuros proxectos tiveron que paralizarse?

-A situación que estamos vivindo non está facilitando a actividade dende logo, pero aínda así seguimos traballando para levar a cabo a posta en marcha de novos proxectos, que nos permitan ser máis fortes e competitivos.

«Facer iogur ou vender leite fresco? Non se descarta ningunha opción para o ano 2021»

As cooperativas foron sumando dende as súas constitucións novos servizos para socios, e mesmo para público en xeral como é o caso das incorporacións máis recentes de tendas e gasolineiras, que veñen a complementar os servizos que se prestan dende os parques de maquinaria e substitución agraria.

-Nós contamos con tendas, nas cales dispoñemos de supermercado, alimentación animal, zoosanitarios, fitosanitarios, sementes, fertilizantes, produtos de hixiene no muxido, ferretería e fontanería; e tamén dúas estacións de servizo, nas que hai carburantes como gasóleo A e B e gasolina 95, que son de venda para o público en xeral.

-Dicíamos que os servizos foron aumentando, ata onde chegan?

-O primeiro é que buscamos proporcionarlle aos socios produtos e servizos de calidade, e ofrecemos dende a comercialización do leite de todas as explotacións socias, sendo primeiros compradores, con máis de 230 ganderías de leite ata programas de formación. Contamos coas tendas; como dixen, servizos de maquinaria, veterinarios, agronómico (toma de mostra de terra, envío ao laboratorio e interpretación dos resultados e recomendacións do abonado), servizo de substitución agraria para que os socios poidan gozar duns días libre, tramitación de seguros agrogandeiros e unidades de subministro de combustible. Todos estes servizos se prestan ao longo do ano, sempre en función das necesidades que cada un dos socios nos vai demandando.

-Pensan en facer iogur ou vender leite fresco?

-Non descartamos ningunha opción, xa que neste novo ano 2021 imos ter encima da mesa varios novos proxectos. Existe na actualidade unha gran tendencia cara a produción en ecolóxico, na que nós xa somos pioneiros.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«A tendencia é de menos explotacións, máis dimensións e mellor xenética»