Cristina Barreiro: «Cunha horta pódese aforrar na cesta da compra e permite gañar en saúde»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

cedida

Sete familias comparten o seu interese polo cultivo nun espazo urbano produtivo

31 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Currículo. Cursou estudos de Bioloxía na Universidade de Santiago. Especializouse no mundo vexetal e materias relacionadas coas plantas.

Colaboracións. Co proxecto da Fundación Galicia Verde. É vicepresidenta da mesma, e coordina todas as actividades que leva a cabo esta fundación.

A avoa materna de Cristina Barreiro Rodríguez (O Barco de Valdeorras, Ourense) foi quen a estimulou dende nena no vasto mundo da agricultura. O seu interese pola natureza vén pois de moitos anos atrás, lembra Cristina. Así xa na súa xuventude asociouse ao programa Senda Verde da canle autonómica, e colaborou en distintas campañas ecoloxistas. Actualmente é vicepresidenta da Fundación Galicia Verde.

-Que fai exactamente en Galicia Verde?

-Ao ser tamén a directora pois coordino todas as actividades da fundación; tanto docentes como de colaboración, e participo na planificación, desenrolo e mantemento dos programas que se levan a cabo no Centro de Investigación de Agricultura Ecolóxica de Leboso.

-E como nace a posta en marcha da horta comunitaria no centro urbano lalinense?

-Naceu como idea de transformar unha parcela municipal baldía, de 1.446 metros cadrados na Rúa do Río, nun espazo que fose paisaxísticamente bonito, útil, produtivo, cheo de creatividade e que involucrara aos veciños da zona. Queriamos demostrar tamén que calquer anaco de terreo é susceptible de ser cultivado e que se poderían obter bos resultados sempre qie se traballara con premisas basadas na ecoagricultura.

-Conseguíronse os resultados marcados?

-Penso que si. Na actualidade somos sete familias; hai un ano eramos oito xa que formaba tamén parte do proxecto Fran, un cántabro xubilado que finalmente voltou para a súa terra. A maioría dos participantes xa tiveran contacto coa horta nalgún momento da súa vida polo que só tiveron que poñerse ao día en pequenas nocións de cultivo ecolóxico, compostaxe, recollida e recuperación de sementes. No que todos coincidimos é no feito de que cada día que estamos na horta aprendemos algo máis.

-Que veñen cultivando?

-Os primeiros cultivos que se levaron a cabo foron especies hortícolas de tempada, pero a medida que transcorreu o tempo foise adicionando tamén plantas aromáticas, flores e mesmo algunha árbore.

-Experimentaron con cultivos pouco habituais na zona?

-Todos os anos imos experimentando con variedades raras. Como todo experimento que se precie, nalgunha ocasión vemos que pode interesar e xa se queda na horta, como nos pasou con variedades de tomates (Azul e Cuerno de los Andes), guindillas, xudías de metro e coas sandías. Noutros casos desestimos de seguir co seu cultivo como nos pasou coa berenxena branca ou coas esparragueiras.

-Como estruturan os espazos de traballo?

-Na parcela, con eses máis de 1.400 metros cadrados, fíxose un reparto de cultivo por familia non equitativo senón que se tivo en conta o número de membros de cada unidade familiar, así como a disposición e o compromiso de cada unha delas. En cada sub-parcela a familia cultiva segundo o que lle apetece, pero sempre seguindo as premisas da agricultura ecolóxica.

-Deberían prantexarse máis proxectos desta índole ante situacións de crise económica coma a que se comeza a notar e se prevé aumente?

-Rotundamente si, e non só pensando en termos económicos. Facendo unha boa planificación coa horta de auto-abastacemento podemos aforrar na cesta da compra, pero creo que o máis importante é o que se gaña en saúde física coa inxesta de alimentos máis sans, e tamén en saúde mental co feito de socializar; algo tan importante nesta ano que estamos vivindo, e estar en contacto coa natureza.

«Gustaríame que este proxecto se replicase noutras partes da vila, demanda hai»

O proxecto para a posta en marcha da horta comunitaria, que foi presentado no Concello de Lalín a finais do ano 2015, recibiu axiña a pertinente aprobación que permitiu poñer en marcha a iniciativa. A parcela sita na Rúa do Río foi cedida á Fundación Galicia Verde, que se encargou de xestionar os participantes e de preparar o terreo xunto co concello que tamén delimitou o espazo de traballo hortícola.

-Cando van á horta?

-Os participantes teñen liberdade total para ir cando queren. A maioría, entre as que me inclúo, imos cando temos tempo a facer labores de mantemento e limpeza de herbas... pero sí que é certo que dada a proximidade co noso lugar de residencia, e mínimo unha vez á semana, imos a recoller algunha hortaliza ou mesmo darlle unha visual.

-A produción vai ás familias?

-Si, e cando hai algún excedente compártese entre os participantes. Se é moi grande, como ten pasado nalgunha ocasión, compártese con proxectos de índole social.

-Como lles afectou a situación sanitaria?

-Non foi unha traba para nós. Puidemos gardar sempre as distancias de seguridade e cumprir coas obrigas impostas.

-Que beneficios reporta?

-Según Aiurveda nutrirse é transformar o que non somos en nós mesmos... e en nós entran cousas polos cinco sentidos, polo que unha boa música é nutrición; a cultura é nutrición, e como non unha horta urbana é un verdadeiro alimento.

-Outras hortas en Lalín...

-Gustaríame que este proxecto se replicase noutras partes da vila. Hai parcelas candidatas para un proxecto desta índole, e demanda existe. Se unha persoa con disposición pode facer algo útil, imaxina o que poden facer un cento delas.