O tío José Luís, "Lis do Vento"

Ángel do Vento

LALÍN

cedida

25 oct 2020 . Actualizado a las 17:29 h.

Hai algo menos de quince días, recibimos unha chamada de meus primos de Arxentina comunicándonos que ao noso tío José Luís fóralle detectada unha grave enfermidade e, sen tempo para poder despedirnos del, chegounos o mércores a triste noticia do seu falecemento. 

En Bermés era coñecido como “Lis do Vento”, en Bos Aires era “López Garra” e para nós era o tío José Luís, aquel rapaz que con só dezaséis anos marchou para a Arxentina acompañando a súa irmá, a nosa tía, María Luísa.

 Lembro, dende pequeno, que fixo varias viaxes a O Vento, á súa casa natal, aínda en vida dos seus pais, e tamén despois.

Tamén lembro cando chegaba á casa dos nosos avós unha grande maleta chea de roupa dende a Arxentina para repartir entre os sobriños e as sobriñas do Vento.

 Nunha daquelas viaxes deume un billete de ”cien pesos”, que aínda conservo, e meu pai díxolle que como me daba tantos cartos: “estás tolo!”. El riuse (con esa risa pícara que el tiña) e díxolle a meu pai: “Che Amado, son menos de cen pesetas”.

 Noutra das viaxes a Galicia fixen de “chófer” e leveino a unha cea a Negreira onde estaba D. Manuel Fraga e outros invitados importantes. Eu non quería sentarme a cear (daquelas dábame apuro estar con xentes tan importantes) pero el empeñouse en que me sentara ao seu lado e a cada persoa que se acercaba a saudalo presentáballe ao seu sobriño. Moito presumía de nós.

 Sempre quixo que os seus irmáns, cuñados/as e sobriños/as visitasen Bos Aires, e varias persoas si que o fixeron: o seu irmán Teté coa súa muller Berta, a súa sobriña Lurdes e a miña filla maior que recibiu o mellor dos tratos que se llepode dar a unha visitante por parte de José Luís, Marina e os seus fillos Fernando, Mª Eugenia e Pablo (Pablito) así como da miña prima Susana, filla de Mª Luísa.

Podería seguir enchendo liñas e liñas con tódolos recordos das súas visitas e das parolas telefónicas que botabamos de cando en vez. El, coa súa voz tan radiofónica! Iso daría para un texto moi extenso e tampouco é o caso.

Estiveron con nós, José Luís e Marina, hai tres anos e puidemos desfrutar da súa compaña durante moitos días. Contaba volver, pero o nacemento do seu neto Santiago retrasou a viaxe. Cando falabamos por teléfono notábaselle que lle caía a baba de avó.

Lis do Vento en Bermés, López Garra na Arxentina, o tío José Luís na familia. Botarémoste de menos.