Chorima, novo colectivo cultural de Lalín para visibilizar o galego

o. p. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

cedida

O 7 de novembro proxectan «Reboiras. Acción e corazón»

25 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Froito da necesidade de accións e visibilidade a favor da lingua e da cultura galega en Lalín nace Chorima». Así se presenta nas súas propias palabras esta asociación cultural que ten a María Pol López como presidenta; Iago López Villar, Chispón, como vicepresidente; Tania Jiménez Canda, secretaria; Cristina Pereira Jacobo, tesoureira; e como vogais Lucía Galego Vázquez e Laura Fernández Carral.

Sinalan que Chorima é un colectivo cultural aberto «a todo o mundo que teña ganas de traballar e formar parte da reivindicación do noso patrimonio lingüístico, cultural, político e histórico». Deste xeito, convocarán en breve a súa primeira asamblea aberta na que poderán participar todas as persoas de Lalín comprometidas co país e co galego.

Coa asociación, pretenden sumarse ao traballo de moitas outras que traballan a nivel local e que «fomentan o uso, a aprendizaxe e a descoberta de múltiples elementos, ben sexa a nivel teórico, por exemplo ensinando as variedades do galego, até o recoñecemento de artistas locais. Non todos temos os mesmos coñecementos nin tampouco a mesma posibilidade de acceder a eles, polo que debemos compartir o que sabemos e fomentar o seu bo uso». Sosteñen que o fomento do galego e da cultura debe ser interxeneracional, polo que farán actividades e accións que poidan chegar a todas as persoas, e crearán unhas redes sociais que intentarán manter o máis activas posible.

Chorima ten xa data para seu o primeiro evento. Será o 7 de novembro no Salón Teatro, coa proxección ás 19 horas da película Reboiras. Acción e corazón. Contarán coa presenza do seu director, Alberte Mera, que interverá nun breve coloquio co público tralo visionado do filme, que aborda a figura de Reboiras nas súas vertentes humana e política.