Cuíña propón eliminar taxas no 2021 aos establecementos máis afectados pola crise

O coordenador de CxL levará ao pleno a solicitude, e explicaralla mañán á AED


lalín / la voz

O plan de reactivación económica Lalín por Vir, posto en marcha polo goberno en consenso coas forzas políticas da oposición, para axudar a autónomos, pemes, comercio e hostalaría nunha situación de crise derivada da pandemia non é suficiente para paliar a difícil situación pola que pasan ditos sectores. Así o entende o coordenador de CxL, Rafael Cuíña, que anunciou onte en Radio Voz a intención que ten a súa formación de solicitar a eliminación de taxas para o ano 2021 para todo ese sector. Petición que elevará ao pleno e que ten previsto explicarlla mañán mesmo á directiva da Asociación de Empresarios do Deza (AED), nunha reunión fixada para ás 16 horas na sede da patronal.

Cuíña considera que o Lalín por Vir serviu para tapar buratos pero que hai que ir a algo máis, «e grazas á xestión que fixemos os do goberno anterior, o Concello de Lalín é un dos máis saneados de Galicia. Ten cartos no peto dabondo para investir nos seus veciños e pode permitirse o esforzo fiscal de eliminar as taxas de lixo, auga, terrazas... aos establecementos máis castigados pola crise». Exención que se lle aplicaría a comercios «pero tamén ás panaderías, carnicerías... falamos dun termo amplo que non se cinguiría só aos establecementos de roupa». Cuíña segue apostando tamén pola posta en marcha dunha campaña potente de Nadal por parte do concello; «dela dependerá a supervivencia de moitos establecementos».

Pronosticou tamén novidades respecto da Mancomunidade Terras do Deza, cuxo presidente segue sen convocar pleno, e reiterou que «estamos de acordo en facer algo con este asunto». Sentenciou que Luís Taboada, «foi advertido das consecuencias da súa inacción e que se ateña ás consecuencias políticas».

«Algunhas familias gastan máis nas máscaras dos fillos que en auga ou luz»

O coordenador de CxL criticou tamén a demora do concello na entrega das máscaras aos alumnos de Infantil e Primaria. «Despois de dicir o goberno que ía sacar 10.000 euros do orzamento das festas para máscaras, levamos un mes de curso e non se sabe nada do tema. É un gasto que está afogando a moitas familias que gastan máis nas máscaras dos fillos que en auga ou luz». Cuíña entende que o goberno «está chegando tarde unha vez máis» e volta a solicitar que se estenda a entrega de máscaras ao alumnado dos institutos; «por ter 12 ou 14 anos teñen que levar máscaras coma os pequenos e o gasto no seo familiar é o mesmo».

«Dende novembro seguramente só haberá un día das fins de semana un policía local»

As baixas e a falta de efectivos no seo da Policía Local traducirase en turnos de fins de semana con escasez de axentes, segundo asegurou Cuíña. A tenor dos datos que manexa, anunciou para o mes de novembro e Nadal «seguramente só haberá un día das fins de semana cuberto cun policía local e iso nunca pasou en Lalín. Logo vemos que entran en coches ou en furgonetas...». Recoñeceu que neste mes se poderán cubrir os turnos das fins de semana ao contar cos auxiliares e estar rematadas as vacacións da plantilla. Sentenciou que Lalín é un concello escaso de persoal; «pero a nós como goberno nunca nos pasou isto».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Cuíña propón eliminar taxas no 2021 aos establecementos máis afectados pola crise