Doade sinala a Mámoa do Santo da Pedra e recrea o Proceso do Liño

a. f. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Miguel Souto

17 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Museo Etnográfico Casa do Patrón de Doade (Lalín) remata unha atípica tempada de verán realizando unha limpeza e mantemento do castro; iniciativa que se promove un par de veces ao ano, ao que acaba de engadir a catalogación, escavación e sinalización do conxunto do Santo da Pedra; unhas mámoas situadas na cima do monte da parroquia lalinense.

O proxecto de catalogación, limpeza, sinalización e escavación do conxunto será presentado mañán ás 12 do mediodía, nun acto ao que asistirá a directora encargada da escavación Vanesa Trevín Pita e o xerente do Museo Casa do Patrón, Manuel Blanco, entidade promotora desta iniciativa. «A idea é facer a presentación no cumio do monte, a 800 metros de altura, onde están as mámoas e onde levamos a cabo a actuación», subliñou Amparo Blanco dende o museo.

Non será esta a única presentación fixada para os vindeiros días dende a entidade xa que o vindeiro sábado 26 retomarase unha nova recreación do Proceso do Liño. En principio, os responsables do museo, apostan por desenvolver o programa ao aire libre aínda que dependerá das restricións sanitarias que poidan estar operativas nese momento. «Iremos vendo sobre a marcha como están as cousas pero o que queremos é mostrar o proceso enteiro: dnde o mazado ata a elaboración de teas no tear como se facía antigamente». Proceso que se vén recreando nos últimos once anos e que lle permitiu a moitas persoas coñecer de preto unha elaboración totalmente descoñecida. «Tivemos a sorte e a fortuna de haber contado coas ensinanzas de xente maior, moitas delas mulleres da parroquia de Zobra, pero tamén persoas novas que participaron no proceso e mesmo aprenderon a fiar». Unha recreación para a que se controlará o aforo de asistentes, manteranse as medidas de seguridade «e se non o podemos facer ao aire libre se trasladaría para o interior do museo e se retransmitiría por Internet. O máis fácil sería cancelar as actividades polo coronavirus pero cremos que debemos continuar, modificando condutas pero seguindo cara adiante».

A actividade do Proceso do Liño, que comezará ás 16 horas e que acadará este ano a súa duodécima escenificación, contará na parte lúdica coas actuacións de Manoele de Felisa e o grupo de gaitas Os Trasnos de Doade.