Unha malla diferente en Doade

Manuel Blanco Villar

LALÍN

29 ago 2020 . Actualizado a las 20:15 h.

Por causa da COVID-19, neste ano 2020 todo mudou: xa non podemos saír tranquilos a pasear polas rúas, respirar en liberdade, abrazar aos nosos seres queridos, nin achegarnos e compartir o tempo cos nosos amigos, desapareceron as verbenas populares dos nosos pobos e as ceas nos restaurantes, sentimos pánico de ir ao médico, non podemos acompañar aos enfermos nos hospitais, nin sequera despedir aos achegados no seu funeral … Pois ben, a XXI edición da Malla Tradicional de Doade celebrada o pasado 22 de agosto no Museo Casa do Patrón, tamén resultou ben distinta a tódalas edicións anteriores.

Por unha banda, tiñamos a obriga moral de celebrala unha vez máis, na honra dos nosos devanceiros que cada ano polo mes de agosto, realizaron durante séculos este sacrificado traballo comunitario, sen importar as guerras nin as pestes habidas ao longo da historia, posto que precisaban mallar para obter o gran que levar ao muíño e facer coa fariña o seu pan da cada día, tamén por respecto aos queridos veciños e amigos do Museo que cada acudiron ininterrompidamente durante 21 anos a esta cita, aportando o seu traballo para poder realizar a Malla, que demostraron máis ca nunca a súa valentía e o seu compromiso con este evento, que tan lonxe levou polo mundo o nome da parroquia de Doade; e por outra sentimos a pena, a incerteza e a responsabilidade de decidir facela sen público, coa finalidade de poder garantir o estrito cumprimento de tódalas medidas de seguridade vixentes pola pandemia.

Aínda que mantivemos o compoñente histórico e etnográfico íntegro da secuencia histórica das diversas modalidades da malla, así como o súa importante faceta da súa integración no rural, realizando a execución nunha contorna natural de enorme valor paisaxístico e medioambiental, vímonos obrigados a suprimir o seu vector lúdico e festivo, eliminando a tradicional comida de confraternidade baixo carpa, así como a ruada da malla, un importante serán de música tradicional galega, en auxe continuado nos últimos anos.

Coa finalidade de suplir na medida do posible esta total ausencia de público, ao que temos que agradecer, tanto a súa masiva presenza habitual, como o feito de que esta vez se abstiveran de visitarnos, realizamos unha completa transmisión en directo, vía streaming, que logo foi colgada en internet, ao igual ca un vídeo resumo da sega, outro da malla deste ano e un terceiro coa recompilación das XX edicións anteriores, que se poden visualizar, pulsando “Malla de Doade”, no canal Youtube, así como varias conexións en directo da TVG, a habitual cobertura dos medios de comunicación e a edición especial do libro “Unha cita coa historia: 20 anos de Malla Tradicional en Doade (Lalín)”, en formato grande.

Foi realmente exemplar a responsabilidade, a disciplina e o comportamento dos participantes, dende os máis cativos ata o máis vellos, aténdose escrupulosamente as directrices impartidas pola organización na toma de temperatura e lavado de mans con hidroxel previos ao evento, no mantemento do distanciamento social e no uso das máscaras en todo momento, a pesar de tratarse dun traballo tan duro, realizado a mediodía, baixo un sol de xustiza.

Especialmente emotivo resultou o momento da interpretación do Himno de Galicia polo grupo local de gaitas Os Trasnos, de Doade, en recordo dos 638 galegos falecidos polo coronavirus, escoitado co máximo respecto e moi aplaudido pola totalidade dos presentes, moitos dos cales non puidemos evitar derramar algunhas bágoas pola súa partida. Este grupo tamén interpretou varias cantigas tradicionais das mallas, aproveitando os descansos, poñendo a nota folclórico -musical e mantendo o ambiente o máis distendido posible.

En definitiva, non podemos máis que sentirnos realmente orgullosos de ter participado na execución da malla máis silenciosa, tal vez a máis triste e estraña, pero tamén a máis emotiva, transcendental e histórica das nosas vidas, que marcará un antes e un despois no longo percorrido que lle auguramos a Malla Tradicional de Doade, que esperamos pronto sexa catalogada como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Pero, como a vida ten que continuar, neste ano especialmente duro para todos, nós tentaremos realizar a maioría das actividades previstas no noso programa anual, na medida en que as circunstancias o permitan, como son a edición e publicación de dous libros máis, relacionados coa antropoloxía histórica da parroquia e o confinamento, a fía do liño, a limpeza, sinalización e prospección xeofísica das mámoas de Doade, a celebración do evento Unha aldea no Nadal do Camiño...

A Casa do Patrón quere facer público o maior dos agradecementos a todos e cada un dos participantes, aos seguidores habituais, esta vez ausentes fisicamente, pero presentes no corazón, aos medios de comunicación e a todas cantas persoas que, co seu incondicional apoio, dende a proximidade, ou dende a distancia, fixeron posible darlle continuidade á gran malla do interior de Galicia, nun escenario adverso e nas circunstancias máis difíciles.