Espectáculo innovador ao aire libre da Banda de Vilatuxe

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Proxectaranse imaxes de planetas, haberá luces e posible ceas

19 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Banda de Vilatuxe irrumpe tamén nesta programación cultural do mes de xullo do Concello de Lalín e faino esta noite cun novidoso espectáculo, e nun espazo pouco habitual: o auditorio ao aire libre ao carón do lago do Pontiñas, interpretando The Planets de Gustav Holst. Un emprezamento que, segundo o director da formación Víctor Vilariño, «trataremos de aproveitar máis ao cumprir perfectamente as espectativas á hora de manter a distancia de seguridade», e que se poderá usar non só para disfrutar do espectáculo senón tamén para «acampar e incluso cear mentras se disfruta dunha noite de música e mirando as estrelas como se fai en moitos pases destas características noutros países».

O espectáculo apto para todo tipo de público, cunha duración dunha hora, e que comezará ás 22.15 horas «para que sexa noite e se poida visualizar perfectamente o espectáculo de luces», camiña musicalmente pola obra The Planets de Holst que versa sobre «a idea que el tiña da astroloxía, do tarot e dos planetas e cada un deles leva impreso un carácter ben definido a través da música. Saturno é, por exemplo, contemplativo e Marte máis bélico».

Un espectáculo multidisciplinar, como os últimos que ven presentando a formación bandística nos últimos anos, que incorpora a proxección de imaxes planetarias; «se houbese un telescopio individual para cada un sería bonito pero ao non ser posible imos poñerlle música e imaxes aos planetas». Un novo proxecto que non era o inicial, recoñece o director da agrupación, pero o coronavirus fixo mudar moitas iniciativas e esta tamén. Os ensaios da obra de Holst comezaron en plena pandemia, no momento do confinamento, polo que os músicos non puideron xuntarse máis cun par de semanas antes deste agardado estreo. «Xuntos só estivemos uns quince días no colexio de Vilatuxe, con ensaios ao aire libre, e mantendo todas as medidas sanitarias recomendadas. Antes os ensaios foron con grupos reducidos de músicos ao non poder facelo doutro xeito».