Fran Gutiérrez, de Emerxencias Lalín: «Seguimos expostos ao virus e non podemos relaxarnos»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

E CUIÑA

Impartiu unha charla sobre a protección fronte á covid-19 a integrantes das asociacións

03 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As asociacións que operan no municipio de Lalín asistiron na tarde de onte, no Salón Teatro, a unha charla informativa sobre a protección fronte ao coronavirus, que impartiu Fran Gutiérrez de Emerxencias Lalín.

-Apelamos sempre a responsabilidade do cidadán ante este virus, pasa a ser unha petición redundante?

-Penso que non. É necesario ter en conta que o virus non desapareceu e que ata que non se consiga unha inmunidade poboacional seguiremos expostos a repuntes. Todas as medidas coñecidas de manter o distanciamento social, distancia de seguridade, facer un correcto lavado de mans e usar a mascarilla son os únicos medios que temos para protexernos. Non temos nada máis polo momento e non podemos relaxarnos nin baixar a garda.

-Cal está sendo o comportamento dos lalinenses?

-Vexo que a xente actúa con responsabilidade. Sempre pode haber excepcións pero creo que o comportamento é bo aínda que facer unha dinámica axeitada non é fácil pero debemos de incidir en que se fagan ben as cousas. É por saúde.

-Como prantexou esta charla?

-Comecei falando do que é o virus, na importancia das medidas de autoprotección ás que fixen mención antes, aos distintos tipos de mascarillas que podemos atopar e tamén á desinfección; os produtos existentes e os modos de aplicación. O que pretendía era que fose unha charla práctica, con nocións que servan para o día a día.

-Mal uso das máscaras?

-Tamén. As de válvulas, por exemplo, que están prohibidas e logo as que vemos colocadas na frente, no cóbado.... Se non a colocas ben estás exposto a contaminar ou a ser contaminado e aí hai que seguir insistindo para que sexamos máis coidadosos á hora de poñelas.

-Nos cativos tamén debería de ser de obrigado uso?

-Os nenos dende os 3 anos tamén deberían de usalas se non poden manter a distancia social. Recoñezo que pode ser incómodo o seu uso tamén para eles pero sempre hai que apelar á prevención e nos parques, tan usados nestas datas, pode resultar complicado conseguir que os paraces manteñan a distancia de seguridade. Non sei se realmente todos o temos claro pero calquera de nós pode ser un vector transmisor do virus de aí a importancia do distanciamento social para todos, tanto en nenos coma en adultos.

-Por que se prantexou esta charla ás asociacións?

-Entendo que nun futuro, dende a concellería de Sanidade, se poden convocar outras charlas sobre este mesmo tema pero apostouse por comezar coas asociacións xa que exercen como correa de transmisión de información.

-Recomendacións finais?

-Manter as medidas de autoprotección, ser responsables e non baixar a garda. Lembrar que en Galicia tivemos menos casos de coronavirus que noutros puntos do país polo que a inmunidade tamén é inferior, iso significa que ante un posible rebrote podemos estar moito máis expostos ao virus e hai que ser cautelosos e prudentes.