O Naranxo decide adiar o festival da Algarabía de Lalín para 2021


lalín / la voz

A Asociación O Naranxo de Lalín acaba de tomar a decisión de deixar para o vindeiro ano 2021 a celebración do festival da Algarabía. Unha decisión moi meditada sobre a que se estivo barallando pros e contras dende o comezo do confinamento, recoñece dende o colectivo Jimy Blanco. As dificultades para controlar distancias interpersoais e a necesidade de solicitar colaboracións ás empresas locais que pasan por momentos de dificultade económica están detrás desta decisión.

«Levamos mes e medio dándolle voltas ao tema pero controlar a distancia de dous metros entre persoas é moi complicado e na Algarabía colaboran con nós empresas de Lalín ás que non podemos nestos momentos pedirlles cartos; non sería ético coa situación existente», apuntou. O festival lalinense, que ía celebrarse na primeira semana de setembro, pasa con todos os seus contidos para o próximo ano pero non se descarta artellar algunha actividade de pequeno formato nas vindeiras datas. «Prantexamos algo pequeno, algunha actividade de rúa como se facía antes, con algún grupo... todo vai depender de como vaian as cousas polo que non podemos marcarnos unha data concreta», dixo Jimy Blanco.

Será esta a terceira vez na lonxa traxectoria cultural da Asociación O Naranxo que non celebre a Algarabía, lembraba Blanco. «Un ano non se fixo ao estar funcionando o colectivo Tarabela co que había suficiente oferta cultural na vila, noutra ocasión non se dou feito e agora por unha cuestión de forza maior como é a alerta sanitaria». A asociación lalinense aproveita tamén estas datas para reflexionar sobre a posibilidade de poñer en marcha algunha outra actividade anual; «o Entroido e a Algarabía centran todos os nosos esforzos pero tamén podería haber algo entre medias, estamos ollando posibilidades».

Unha nova actividade que se cae do calendario nuns meses especialmente complicados para o sector cultural que pasa por serias dificultades na zona; «os músicos moitos teñen outro traballo pero os técnicos de son, montadores de espectáculos e escenarios viven disto e están a pasalo moi mal».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Naranxo decide adiar o festival da Algarabía de Lalín para 2021