As clínicas de fisioterapia reabren con listas de agarda e pacientes «agudos»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

As esixencias de protección e desinfección alongan os tempos entre consultas

16 may 2020 . Actualizado a las 22:32 h.

As clínicas de fisioterapia do Deza e Tabeirós-Montes reabriron maioritariamente as súas portas este luns con moitas dúbidas sobre a resposta dos clientes. A actividade é inviable sen un estreito contacto entre profesional e paciente, pero o reinicio fíxose, de forma xeral, cunha demanda importante.

«As chamadas son continuas», conta desde a clínica estradense Fisioestrada Charo Nogueira Rebollido. «A verdade é que comezamos con máis demanda da que esperabamos. Os pacientes veñen agudos. Tiñamos xente operada e moitas citas urxentes que tivemos que anular. Agora estámoslle dando prioridade a esa xente que máis o necesita: aos operados e á xente urxente destes días que está traballando e que o precisa, e ao mesmo tempo recuperando as citas da xente que vén cada 15 días e leva dous meses sen vir», comenta a fisioterapeuta.

Na súa clínica traballan normalmente tres fisioterapeutas e unha administrativa. «Comezamos dúas porque sempre che queda esa dúbida de se a xente vai estar reticente, pero si que hai demanda, así que seguramente para a semana xa se reincorporarán a outra fisioterapeuta e a administrativa», conta Charo Nogueira.

Desde a Clínica Deza de Lalín confirman que a actividade estase a recuperar pouco a pouco. Segundo explica María Rozas, traballan moito con mutuas e están recibindo pacientes que precisan rehabilitación e levan dous meses sen facela. No caso dos particulares que acoden por libre, son, sobre todo, paciente que sufriron un ictus e precisan un tratamento longo. Tamén persoas que necesitan drenaxe linfática a raíz dun cancro. «Este tipo de pacientes empezan a volver pouco a pouco, mentres outros con menos urxencia prefiren esperar un mes», conta María Rozas.

Tamén na capital dezá Yanira Fernández explica que hai dous tipos de pacientes: os menos graves, que prefiren esperar un tempo para volver, e os urxentes, que queren volver canto antes.

Recuperación tras un ictus

«Hai demanda, sobre todo relacionada con situacións máis graves, como xente que sufriu un ictus e, ao non haber servizo de fisioterapia no hospital nin no centro de saúde, veñen en busca de axuda. O perfil é o dun paciente moito máis agudo. As persoas de risco son as que máis precisan da fisioterapia neste momento. Xente con ictus, maiores, nenos con discapacidade de nacemento ou por algún accidente que estaban cun tratamento. Tamén moita xente maior e obreira, xente do campo que estivo traballando todo o confinamento e que o precisa», explica. «É un traballo moito máis esixente. Tal e como veñen, con algún paciente tes que botar a mañá para facelo ben. Pero loxicamente non se lles vai cobrar máis», conta.

Na Clínica de Fisioterapia de Silleda, a actividade está arrancando un pouco máis de vagar. «Vén sobre todo xente que tivo que traballar e non puido vir, con problemas de cervicais, lumbares... E xente con rehabilitación. Outros, se non lles urxe, prefiren esperar aínda un tempo. Algúns anímanse máis ca outros. Cando é cousa que doe...», comenta a fisioterapeuta silledense Sonia García

Toma da temperatura e desinfección con antiviricida das plantas dos pés

Nunha profesión na que é imprescindible o contacto físico, as medidas de precaución fronte ao covid-19 estanse a extremar ao máximo.

Na clínica Fisioestrada os pacientes son citados por teléfono. Prégaselles puntualidade e que acudan con máscara, aínda que se non lles é posible facilítaselles unha. «Xa non se emprega a sala de espera. O paciente chega e desinfecta con antiviricida as plantas dos pés. Pode vir con guantes ou sen eles, pero ten que limpar as mans con xel hidroalcohólico antes de pasar á padiola», comenta Charo Nogueira. As fisioterapeutas levan un EPI (equipo de protección individual) completo, con batas desbotables por riba do uniforme, guantes, máscaras e pantalla protectora. «Nada do que temos que poñer agora a maiores para traballar é cómodo. Tes menos sensibilidade e non recibes o mesmo, pero ten que ser», indica. «Despois de cada sesión desinféctase a fondo todo: a padiola, as cadeiras, o asento, os pomos, a papeleira... As sabas, que antes lavábanse e reutilizábanse, agora son de papel. É moito gasto a maiores en material e en tempo. Como mínimo son dez minutos para desinfectar a cabina tras cada uso», comenta Nogueira.

No resto das clínicas o sistema é similar. «Imos hipermegaequipados. Non é cómodo, pero hai que coller o hábito, porque isto vai para longo», di María Rozas, da Clínica Deza. Na Clínica de Fisioterapia de Silleda, ademais de todo o demais, tómaselle a temperatura ao paciente ao entrar.