Lalín celebra o 17 cunha mesa redonda en liña, e A Estrada con vídeos na Rede

La Voz LALÍN, A ESTRADA / LA VOZ

LALÍN

14 may 2020 . Actualizado a las 22:41 h.

O Concello de Lalín celebrará o Día das Letras Galegas o vindeiro domingo, 17 de maio, cunha mesa redonda en liña que será retransmitida en aberto pola canle de YouTube do Concello de Lalín a partires das 11.00 horas. Versará sobre a figura de dous autores de referencia en Lalín, como son o astrónomo e matemático Ramón María Aller Ulloa e o escritor e dramaturgo Daniel Varela Buxán. Na mesa redonda tomarán parte o cronista Daniel González Alén e a traballadora do Museo Municipal, Cecilia Doporto Regueira, baixo a condución da concelleira de Cultura, Begoña Blanco. Emitirase desde o Museo Municipal -casa natal de Aller Ulloa- a porta pechada, coa soa presenza física dos que interveñen nela.

O Concello de Lalín tiña previsto celebrar o 16 e 17 de maio o Serán das Letras, para festexar a data con actuacións de grupos tradicionais e pandeireteiras. Esta actividade foi adiada pola crise sanitaria. O Concello ten previsto retomala na fase final da desescalada, cara a finais de xuño ou xullo.

Na Estrada, a asociación cultural Vagalumes tomou a iniciativa. Propón aos veciños que lle fagan chegar ao enderezo a.c.vagalumes@tabeirosmontes.com vídeos coa lectura dalgún fragmento ou opinións sobre a vida, a obra ou o labor investigador de Carvalho Calero. Os vídeos difundiranse nas redes sociais. Poden facerse chegar ata o día 17.