«Os pacientes chegan paulatinamente á uci, o pico espérase en Semana Santa»

amelia ferreiroa / o. p. LALÍN

LALÍN

cedida

A sanitaria lalinense leva doce días sen ver á familia: é o que peor leva, pero «hai que sacar adiante esta situación»

03 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A lalinense Mónica Fernández Rodríguez está en primeira liña fronte ao coronavirus, traballando como técnica en cuidados auxiliares de enfermería na uci do hospital Clínico de Santiago, nunha situación complicada pero sen chegar ao colapso doutras comunidades como Madrid: «Imos indo e iso nos axuda moito». E preparándose, coa recuperación de antigas unidades que estaban pechadas para estar adecuadas no pico da enfemidade que se agarda en Semana Santa.

O número de pacientes en pranta é grande no CHUS, coa área de reanimación case completa e á uci van chegando paulatinamente, sen un colapso de doentes. A idade polo xeral supera os 70 anos, aínda que tamén hai xente nova. Os doentes non poden recibir visitas, «só teñen a compañía dos sanitarios. Tentamos darlles o máximo apoio, nunhas estancias que poden durar 20 días ou un mes. Para nós tamén é duro informar ás familias», sinala. Tamén outras cuestións o son: ela e os seus compañeiros da primeira liña decidiron alonxarse da familia, de fillos e pais, para salvagardalos da carga viral que poden levar polo seu traballo e que os podería contaxiar. «É difícil, unha situación complicada de cambio de rutinas. Dalo todo no traballo e cando chegas á casa dache ese baixón, fáltache ver aos que queres. Eu levo 12 días sen ver á familia, é o que máis costa arriba se fai. Pero é unha situación que hai que levar adiante entre todos, e xa haberá tempo de desfrutar. O primeiro é o primeiro», conclúe.

Preguntada por se hai suficiente material, como respiradores, Mónica Fernández indica que hai falta de el, con demanda tanto de material como de profesionais. Entende que haxa comunidades que requiren un incremento polo seu colapso, pero cre que debería ser equitativo.

A alegría das altas

A enfermeira lalinense sinala que os enche de alegría o regreso dos pacientes a pranta: «Onte ?polo mércores? saeu unha señora da UCI moi ben, e vela respirando por si soa é unha alegría e unha satisfacción. Hai esperanza».

Polo que se refire aos casos detectados na zona suliña que por fortuna a maioría superan a doenza na casa, que «é onde mellor se pasa», pero alerta de que pode haber moitos asintomáticos. Ten clara a conveniencia dos test xeneralizados, para determinar a poboación máis crítica e sobre todo para os sanitarios. Deberíanse facer á xente maior: «Pero hai falta de test, falta de todo. Houbo falta de previsión e mala organización», o que leva a carencias en moitos servizos e a provocar medo. Os profesionais precisan protección para previr o contaxio e poder coidar aos doentes. Ela leva bata reforzada, mascarilla especial, gafas, gorro, calzas, e guantes largos especiais polo contacto directo cos pacientes. Un equipo que pasa factura tras 7 ou 10 horas de traballo, pero é preciso, en unidades de uci que carecen dos cubículos que estaba previsto acondicionar.

Mónica Fernández agradeceu en Radio Voz a humanidade de quen fabrica altruistamente material de protección e emociónase cos aplausos da xente que se dá conta e valora un pouquiño máis o que antes non valoraba. Esta sanitaria de Lalín lanza unha mensaxe de apoio «aos que saen das súas casas para combatir a pandemia, poñendo en perigo a súa propia saúde e a das súas familias. A todo o persoal hospitalario, sexa sanitario ou non; ao das residencias; ás forzas e corpos de seguridade, aos bombeiros, aos da alimentación, a todos. Un saúdo e grazas polo seu traballo», explica antes de prepararse para afrontar nun novo turno de traballo na uci do Clínico.