«Estou examinando de xeito oral e virtual aos meus alumnos un a un»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Esta enxeñeira industrial leva once anos traballando en Alemaña e centra as súas investigacións na biomasa

29 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Fai uns anos Alba Diéguez Alonso, de Rodeiro, era noticia nestas páxinas por un expediente académico de envexa. Estudaba no IES Ramón Aller Ulloa de Lalín e obtivo unha media de dez en todas as materias en Bacharelato. Un hito que ela, contaba daquela, marcouse como un reto persoal. Con ese brillante expediente chegou á Universidade. Escolleu Enxeñería Industrial seguindo os pasos do seu pai, Eliseo Diéguez. Agora leva xa unhos anos na Technische Universität (TU) de Berlín como investigadora e profesora. As súas investigacións céntranse especialmente en temas de biomasa, entre outros con diversas publicacións realizadas.

-Que restriccións tendes agora á hora de saír pola pandemia?

-Ata o día 23 só había recomendación de quedarse na casa e non saír agás en caso de necesidade, pero ademáis dende ese día está xa en vixencia a prohibición de facer reunións de máis de dúas persoas.

-No teu caso, tes que saír a traballar?

-A TU Berlín está en «operación de emerxencia» dende o día 20. Iso significa que está pechada para todos os traballadores e estudantes, agás servizos mínimos para que a Universidade poda operar de maneira virtual. Todos os traballadores están obrigados a facer home office. Aqueles que por causa de clara necesidade precisen estar presentes nas instalacións da universidades, teñen que ter un permiso do presidente da Universidade.

-En que situación está agora mesmo o curso?

-Neste momento estamos en período non lectivo. Esta é época de exames e iso sí que é máis problemático. Os exames escritos están prohibidos por ser presenciais. Xúntase moita xente e necesitaríanse instalacións da Universidade. Na miña asignatura os estudiantes son avaliados mediante exames orais. Para os exames orais, a TU Berlín autorizounos a facelos mediante plataformas on line tipo Skype. Dende o venres xa comencei a avaliar os meus alumnos así de un en un.

-Que materia imparte?

-Deseño de reactores químicos.

-Ao ser unha materia tan técnica non é moi difícil iso dos exames orais?

-Non, examinamos ben oralmente. En Alemaña son bastante frecuentes os examenes orais, non como en España. Eu cando estudiei era coma sempre, todo por escrito. Pero non hai ningún problema cos orais e ademáis desta maneira píllase moi ben a quen estudiou realmente e quen non.

-Como se aveciña o curso?

-Xa din que non haberá clases presenciais no que queda de curso. Na Universidade, aquí o curso empeza en outubro e remata a mediados de xullo. A mediados de abril comeza o semestre de verán e igual se clausura. Entre marzo e setembro repártense as vacacións.

-Como se vive o día a día? Hai colas nos supermercados?

-Sí que hai colas nos supermercados, pero non é unha esaxeración aínda. Había algún problema para conseguir papel hixiénico, pasta, fariña, arroz e xabón. Xa se foi notando dende fai unhas tres semanas.

-Hai moitas medidas de prevención tanto na rúa como no propio traballo?

-As medidas de seguridade e de prevención varían. Toda a docencia (garderías, escolas, institutos, e universidades) está paralizada dende hai unhas tres semanas. Os ximnasios, as piscinas, os clubes,... están pechados dende hai aproximadamente dúas. As xuntanzas grandes están prohibidas dende hai case tres semanas. Os parques non están pechados, pero sen embargo os parques infantís sí. En canto o traballo, as empresas e diferentes organismos implementaron as medidas que consideraron oportunas. Por exemplo a TU Berlín puxo en marcha medidas bastante restrictivas xa dende o principio como comentaba. Coñezo empresas privadas que tamén fan teletraballo pero outras non.

-As novas restriccións van obrigando a máis cambios.

-Dende o pasado luns coa prohibición de facer xuntanzas de máis de dúas persoas cambiaron bastantes cousas. Ao pechar restaurantes, cafeterías, etcétera supoño que moitas se verán obrigadas a pechar ou a promover o teletraballo nos casos nos que sexa posible. Eu vivo nun sitio bastante céntrico de Berlín e a pasada fin de semana víase aínda xente pola rúa. Iso sí, moito menos que normalmente.

-Hai moita psicosis? Estánse a respectar as restriccións?

- A sensación que teño é que non hai moito medo aínda. Polo de agora o número de mortos non é moi alto en Alemaña pero do que si me dei conta é que a xente non se da a man para saudar, que é o típico xesto aquí.

«Tería que ter casado o 21, pero o 12 xa tiñamos bastante claro que se tería que cancelar a voda»

Unha voda é algo que se prepara con moita ilusión durante meses. Alba Diéguez fixo o mesmo coa súa, pero como a outras parellas, o coronavirus e o estado de alarma trocoulle os plans. Conta que para rematar de organizar algunhas cousas volou a Santiago o mércores 11 de marzo. «Saín de madrugada da casa en Berlín e cheguei a Santiago á mediodía». «Entón non era aínda moi consciente da situación ese día. O mércores foi cando as cousas empezaron a porse máis serias en España», di. A voda íase celebrar o día 21 nun pazo en Galicia. «O xoves, 12, xa tiñamos bastante claro que se tería que cancelar a voda. E o venres 13, despois das medidas anunciadas por Feijoo o xoves, xa foi o pazo quen moi sabiamente cancelou o evento», explica. O 13 decidiu voltar «porque a miña parella estaba soa en Berlín e porque eu son residente en Alemaña». Non foi moi doado. «Comprei voos para o 14 á mañá pero foron cancelados. Volvín a mercar voos para o luns á mañá (voo de Santiago a Frankfurt e de Frankfurt a Berlín) e esa vez xa volei sen problemas», comenta. Ao cancelar unha semana antes, ós invitados lles cambiaron os voos para máis adiante. O seu traxe de noiva, di, «é de inverno, e encántanme ás vodas de outono ou de inverno». De momento, toca agardar.